Juan Constenla será deputado no Congreso pero manterá as súas carteiras locais

La Voz A Estrada / LA VOZ

MARÍN

cedida

23 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O tenente alcalde da Estrada, Juan Constenla Carbón, ocupará un escano no Congreso dos Deputados tras a renuncia á acta da alcaldesa de Marín, María Ramallo. Así está previsto que o anuncien esta mañá o presidente provincial do PP, Alfonso Rueda, e o presidente do PP local e alcalde da Estrada, José López, nunha rolda de prensa que ofrecerán xunto ao propio Constenla.

Juan Constenla era o número 5 da lista do PP pola provincia de Pontevedra nas últimas eleccións xerais. A decisión da alcaldesa de Marín de renunciar á súa acta para centrarse na loita contra o covid-19 no seu municipio fixo correr a lista. De entrada, o escano que quedará libre en febreiro tería que ocupalo a número 4 da lista, a arousá Elena Suárez, pero esta se ha decanta por continuar como deputada autonómica, polo que Constenla ocupará a acta no Congreso. No entanto, está previsto que compaxine o seu traballo en Madrid cos seus labores como edil responsable de Rural, Medio Ambiente e Cultura. Polo menos de momento, xa que as sesións virtuais do Congreso impostas pola pandemia permitiranlle manter o pulso local.