Ramallo: «Quero concentrar todos os meus esforzos en Marín ante a pandemia»

Marcos Gago Otero
marcos gago MARÍN / LA VOZ

MARÍN

PP DE GALICIA

A alcaldesa deixa o seu escano en Madrid para afrontar mellor os retos locais

22 ene 2021 . Actualizado ás 10:14 h.

A alcaldesa de Marín deixará en cuestión de días o seu escano no Congreso dos deputados co obxectivo de dedicarlle máis tempo a afrontar o impacto sanitario, social e económico da pandemia no municipio. Ramallo sostivo que se trata dunha decisión adoptada «de xeito sosegado» e «meditado ao longo do Nadal» ao comprobar como a situación do coronavirus ía empeorando día a día. A rexedora recalcou que «a única clave da cuestión é que a pandemia está a durar máis do que poderiamos imaxinar». Aseverou: «Aínda que se nos facilitou a todos os deputados que poidamos REVISAR facer o noso traballo telemáticamente», con todo, considera que «nos próximos meses vai haber que redobrar esforzos» na loita do covid desde os Concellos. O seu posto no Congreso ten dous posibles candidatos. A seguinte na lista é Elena Suárez, pero a arousá é deputada autonómica e terá que elixir entre Madrid e Santiago.

Suárez manifestou que está a disposición do seu partido, pero que a súa preferencia é á permanencia no Hórreo, onde se sente «moi implicada» no traballo que desenvolve o grupo parlamentario do PP. Se Suárez queda en Galicia, o seguinte na lista é Juan Constenla, tenente de alcalde da Estrada.

A rexedora marinense estima que agora é «o mellor momento» para renunciar a Madrid, porque ademais, vista a evolución do coronavirus en Galicia, «creo que vai vir un ano 2021 moi difícil no social e o económico». Aseverou: «Quero concentrar todos os meus esforzos en Marín, porque ademais a pandemia cambiou o que era a orde da lexislatura».

Agradecemento ao seu partido

Ramallo agradeceu aos seus compañeiros no Congreso a súa colaboración, indicando que me facilitaron sempre o meu traballo». Nesta mesma liña tamén deu as grazas pola comprensión e confianza depositada nel polo presidente provincial do PPdeG, Alfonso Rueda; e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. A alcaldesa reiterou o carácter voluntario da súa renuncia. «É unha decisión miña, é persoal e motivada única e exclusivamente polo cambio que deu a nosa dedicación política nun momento tan urxente e determinante como vai ser a pandemia».

A alcaldesa engadiu que ninguén previra unha duración tan larga da pandemia e puntualizou que é necesario para ela salientar os seus esforzos en minorar, na medida do posible, o impacto negativo do covid. «quedo moito máis tranquila seguindo aquí e concentrándome en concentrar esforzos co equipo que teño, que é amplo e extenso, pero que creo que ao final todos imos ser necesarios para afrontar os momentos que imos vivir».

Nesta lexislatura, Ramallo participou en varias comisións no Congreso, nas que os populares interpuxeron distintas propostas a favor dos intereses da provincia de Pontevedra. A dirixente popular indicou que «as máis intensas» se relacionaron coas emendas dos Orzamentos Xerais do Estado, a defensa do sector pesqueiro «pola angustia que se está pasando co Brexit» e a Lei de Cambio Climático, que creou unha «gran preocupación» no sector pesqueiro e a acuicultura polas novas limitacións dos períodos das concesións de Costas.