María Martín, prata con Galicia no nacional sub-16 de marcha en ruta

luís conde MONFORTE / LA VOZ

MARÍN

CEDIDA

16 feb 2020 . Actualizado ás 19:14 h.

A atleta monfortina María Martín conquistou en Torrevieja a medalla de prata no campionato de España de marcha en ruta coa selección galega sub-16. No apartado individual, a nova promesa local logrou a sexta praza, cun tempo de 26:03 minutos, o que supón bater a súa marca persoal, que estaba en 27:35 minutos e que conseguira hai dúas semanas en Marín.

A monfortina non puido comezar mellor a súa etapa cadete, xa que nada máis acadala logrou esta prata, un éxito que demostra o gran talento que atesoura. Esta medalla de prata únese aos tres títulos galegos cos que conta no seu palmarés. A medalla de prata é o mellor agasallo que pode recibir, tendo en conta que hoxe cumpre 14 anos. Na súa evolución ten moito que ver o seu adestrador, o monfortino Fernando González.