«Perfidia» leva a Trece Amarelo á final dos Premios Mestre Mateo

Marcos Gago Otero
Marcos Gago MARÍN / LA VOZ

MARÍN

TRECE AMARELO

O viceoclip da produtora marinense para o grupo Tanxugueiras é un dos catro candidatos a levar o máximo galardón do audiovisual galego

14 feb 2020 . Actualizado ás 13:34 h.

Un coche ardendo nun frío novembro do ano pasado converteuse no eixo da posta en escena de Perfidia , o último videoclip do grupo Tanxugueiras e, agora, nun dos catro finalistas dos Premios Mestre Mateo, o máximo galardón do audiovisual galego. Este traballo segue un guion de Rubén Lino e na dirección de fotografía e rodaxe atópanse os marinenses Diego Santaclara e Diego M. Barcia. Perfidia rodouse en Pontevedra, en coprodución con PlayPan e coa axuda do Concello de Pontevedra. A tres cantareiras de Tanxugueiras protagonizan o vídeo musical. O argumento do videoclip inclúe que «para mostrar a forza deste grupo de folk galego, as mozas saen indemnes dun coche despois dun accidente e esnaquizan o vehículo para, a continuación, plantarlle lume». A gravación levou a cabo coa axuda de Protección Civil de Pontevedra para controlar as chamas. O vídeo finalista é o resultado de dúas xornadas de traballo.

Diego Santaclara e Diego M. Barcia forman parte desde hai anos da produtora Trece Amarelo, con sede en Marín. A produtora crea videoclips para grupos musicais, festivais de música, curtametraxes e documentais. Na actualidade, están realizando a gravación dun documental dirixido polo marinense Carlos Prado Pampín. Chamarase Devolvendo o golpe e narra a historia de superación do boxeador Aarón González, atropelado en Mogor cando tiña nove anos.

Gañará Perfidia o Mestre Mateo? A incógnita resolverase no Palacio da Ópera da Coruña o próximo 7 de marzo na gala finalista destes galardóns.