Pescar lixo

José Picado DE GUARISNAIS

MARÍN

26 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

En todas partes vemos, lemos e oímos falar do saneamento da ría. É un clásico. Os partidos políticos, todos, escríbeno nos seus programas electorais e repíteno en todas as campañas. Os proxectos e liñas estratéxicas de calquera representante da cidadanía fan mención a unha ría sa, limpa, sen contaminación. Un paraíso. E unha fonte inesgotable de riqueza. E niso chega a hora, un ano máis, en que os pescadores e mariscadores fan balance do ano anterior. Non teñen dúbidas respecto diso. Viven cada día nunha ría diagnosticada, por unanimidade, como en «estado crítico, dramático, límite». A ría, din estes profesionais, non ten capacidade produtiva. Xa non abonda con non verter residuos ao mar. Non é suficiente non contaminar, aínda que na ría ferrolá aínda se siga facendo. É preciso rexenerala a través de medidas do tipo: arado de substratos, achega de áridos lavados, retirada de chatarras, achega de sementes, e outras similares, que os técnicos saberán valorar e recetar en cada caso. As ameixas están a desaparecer como xa o fixeron no seu día os berberechos, recoiro e ourizos. Se queda algún polbo, nécora ou centola, é que se despistou. Xa non se pescan robalizas nin sargos; tampouco panchos ou fanecas. Como moito algún baralloco acostumado vivir en augas non demasiado aconsellables.

A ría ferrolá agoniza pero ten solución: ¡pescar e mariscar lixo! Así, dunha tacada, límpase a ría e conséguense salarios. En Marín, Cambados, A Coruña e Vigo executáronse experiencias exitosas, todas con nomes suxestivos: Upcycling the Ocean, Oceanets, CleanAtlantic, Repescaplás, son algunhas. Todo ten valor. Pescar plásticos de botellas e depósitos de combustible. Pescar redes, nasas e aparellos. Mariscar botas, chubasqueros e pneumáticos. Por non dicir carriños do súper, bicicletas, lavadoras, cociñas, carriños de bebé e teclados de computador. Todo se poderá vender para reciclar, aínda que os produtos estrela seguirán sendo os metais pesados: mercurio, cadmio, chumbo e os seus compañeiros da táboa periódica.

O Foro Económico Mundial comprobará que o seu prognósticos non se cumprirán na ría ferrolá. Iso de que en 2050 haberá no mar máis plásticos que peixes sucederá noutros mares e océanos, pero non nas 6 millas protexidas polos castelos. Coa nova faena de pescar e mariscar lixos o mar de dentro e as enseadas volverán ter profundidade, augas claras, francas, e peces e mariscos libres de contaminación. Os monxes benedictinos poderán volver ao Priorado da Cabana e os cluniacenses ao Mosteiro do Couto, e comprobarán que a abundancia do mar descrito hai séculos será, de novo, unha realidade. Veremos… Ou non.