Un valente Peixe Galego vende cara a derrota ante o líder Valladolid

La Voz

MARÍN

23 ene 2020 . Actualizado ás 18:33 h.

Un combativo Marín Peixe Galego fixo onte apertar os dentes ao campión de inverno, Carramimbre Valladolid , para levar a vitoria da Raña (69-75).

Con defensa e boa man desde a distancia o equipo adestrado por Javi Llorente soubo levar ao límite ao mellor equipo da primeira volta, facendo soñar á súa afección cunha machada ata o último cuarto.

Os marinenses competiron e mandaron durante boa parte do partido xogando o partido que necesitaban xogar, cun baixo ritmo de anotación e sen conceder demasiadas segundas oportunidades a un Valladolid cun interior dominante como é Sergio De la Fuente.

Os triplos de Mazaira e dun Sangone Niang que onte debutou en Marín deixando moi boa imaxe, serviron para que os peixiños chegasen moi vivos ao último cuarto. O exterior franco senegalés leva menos dunha semana en Marín, pero iso foi suficiente para converterse no máximo anotador do partido (16 puntos) e acabar con máis minutos que ninguén no Peixe Galego.

Pero o empurre e o convencemento marinense non foron suficientes para dar a machada contra o líder. O Valladolid tirou de oficio no último cuarto para sobreporse á súa mala tarde no tiro exterior e levar, con máis esforzo do agardado, a vitoria na Raña.

No tramo final e co partido decidido, Javi Llorente quixo premiar á base dando medio minuto a dous xogadores como Yubero e Pablo Castro.