Marín prepárase para o amigable de España contra Xapón

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

MARÍN

Ramón Leiro

04 dic 2019 . Actualizado ás 19:12 h.

A selección nacional absoluta de fútbol sala feminino prepárase para recibir a Xapón o vindeiro martes en Marín e un día despois en Burela . As mozas de Claudia Pons tómanse estes dous amigables como parte da preparación para o preeuropeo do próximo ano despois de proclamarse campioas de Europa na primeira edición recoñecida pola UEFA.

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, recibiu este mércores aos representantes da Federación Galega de Fútbol e da nacional, así como da Asociación de clubs de fútbol sala feminino e á seleccionadora nacional, que agradeceu as facilidades que atoparon para competir en Galicia. «Para nós é importante o apoio da afección, iso axúdanos a tirar para adiante. Xapón é un equipo moi complicado porque ademais, hai tempo que non xogamos contra elas», explicou Claudia Pons, quen contará na selección con cinco xogadoras galegas e tres que xogan en equipos da comunidade. Para Pablo Prieto, vicepresidente da federación galega, esta notoriedade é consecuencia da forte aposta que se fai polo fútbol sala, onde hai 2.400 licenzas. Antes de pechar o acto de presentación dos dous partidos, o representante da federación española, Paco Sedano, remarcou o esforzo de traer a unha selección como a xaponesa e aproveitou para agradecer aos presentes o traballo para conseguilo. Os prezos das entradas para o encontro do martes serán de tres euros ata os 17 anos e a partir de aí, pagaranse seis. A venda e reserva poderase facer de forma anticipada a través do correo electrónico (clubdeportivolp\gmail.com) do Club Deportivo La Peña, impulsor desta iniciativa, ou chamando ao 676054606.

En Burela, as entradas será gratuíta ata os cinco anos e de 6 a 16 pagarán 2 euros. Para os maiores de 17 anos, a 5 euros.