«Alcalde, quero entender os carteis»

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

MARÍN

Ramón Leiro

Persoas con discapacidade intelectual do colectivo Xoán XXIII lograron que nove rexedores se comprometesen a facer os seus concellos máis accesibles cognitivamente

06 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Aínda que se avanzou moitísimo, as barreiras seguen existindo para as persoas con discapacidade. Hainas físicas, como escaleiras en lugar de ramplas que impiden que persoas en cadeiras de rodas poidan acceder a edificios públicos. E hainas cognitivas, como carteis complicados de entender. Eliminar as primeiras ás veces é custoso arquitectónica e economicamente. Cambiar os carteis, facelos accesibles simplemente engadíndolles un pictograma para que sexan máis doados de entender para persoas con discapacidade intelectual, nenos, maiores ou estranxeiros non parece tan difícil. É unha cuestión de vontade e concienciación máis que de diñeiro. E a iso apelaron onte desde o colectivo Xoán XXIII, onde reuniron a nove alcaldes -estiveron os rexedores de Pontevedra, Barro, Cerdedo-Cotobade, Sanxenxo, Marín, Bueu, Moaña, O Grove e Ponte Caldelas- para falarlles sobre este asunto.

O acto, como adoita ocorrer sempre que organiza algo a entidade Xoán XXIII, foi entrañable. Para empezar, os alcaldes tiveron guías de luxo. Os propios usuarios do centro fixéronlles de cicerone para visitar as instalacións. Logo, falou o presidente da Fundación Xoán XXIII, Magín Froiz, que en poucas palabras deixou claro que non entende a vida sen axudar a colectivos como leste. E posteriormente unha técnica díxolle aos alcaldes que é o que se agarda deles. Preténdese que, no prazo dun ano, conten nos seus municipios, entre outras cousas, con cartelería accesible. É dicir, que en lugar de pór unicamente as palabras oficina de turismo ou o que sexa no letreiro incluír pictogramas para que sexan máis doados de entender. Pasados nove meses, os propios usuarios de Xoán XXIII irán polos concellos e supervisarán se cambiaron ou non as cousas.

Os rexedores aceptaron o reto. E un por un asinaron un documento para facer os seus concellos máis accesibles cognitivamente e, por exemplo, evitar redactar bandos ou comunicacións cheas de complexidades e tecnicismos. Deben limitarse a textos simples e doados de entender, tal e como tamén lles pediu Diego, un usuario de Xoán XXIII que falou alto e claro a micrófono aberto. O acto foi sinxelo e directo. Pero, por se alguén se despistaba, Susi, outra usuaria, rumoreoulle a Lores que é o que agarda que faga: «Alcalde, quero entender os carteis». Imposible resumilo mellor que ela.