Tráfico e Xunta alíanse para pór freo á accidentalidade con tractores

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

MARÍN

PROTECCION CIVIL

A campaña estenderase a, entre outros, doce concellos da comarca de Pontevedra

15 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Galicia é unha das comunidades onde máis accidentes se producen con tractor e Pontevedra, xunto coa Coruña, habitualmente lideran as cifras de sinistralidade a nivel provincial. Estas circunstancias son o transfondo sobre o que bascula unha campaña que, impulsada pola Xunta e coa colaboración de Tráfico, chegará a unha ducia de concellos da comarca do Lérez, concretamente aos de Poio , Pontevedra, Portas, Barro, Moraña, Caldas, Cuntis, Campo Lameiro, Sanxenxo, Marín, Vilaboa e Cerdedo-Cotobade.

O obxectivo é «concienciar e reducir a siniestralidade neste sector, especialmente no eido rural». Tratarase de sensibilizar aos usuarios para que incorporen «nas súas tarefas cotiás a prevención de riscos» e, deste xeito, minimizar as posibilidades de sufrir un accidente, xa sexa ao realizar labores agrícolas ou ao circular por unha vía pública.

Tres son os eixos sobre os que pivotará esta campaña. Por unha banda, informar os riscos que entraña o manexo destes vehículos e as súas ferramentas, así como, por outro, abordar cales son as causas máis habituais dos accidentes. Xa para rematar, trasladar recomendacións básicas que, de terse en conta, «evitarían os accidentes ou, polo menos, minimizarían as súas consecuencias», incidiron desde a Administración autonómica.

A intención é que esta iniciativa acade non só a aquelas persoas que diariamente usan un tractor para traballar, senón tamén á poboación que os emprega no ámbito familiar. A final de contas, un importante número de incidentes non se consideran nin accidentes laborais, nin de tráfico, xa que adoitan producirse en contornas privadas -leiras, principalmente- e as vítimas é habitual que estean xubiladas.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, apuntou que, «dos dezaoito sinistros mortais rexistrados ata outubro do 2018 ningún tivo lugar no ámbito do traballo». A gran maioría «prodúcense entre persoas maiores de 65 anos, sendo as principais causas as envorcaduras, atrapamentos e accidentes de circulación».

Outro destinatario potencial desta iniciativa é a poboación máis nova para que interiorice os riscos inherentes ao emprego dun tractor. Deste xeito, poderán incorporar «o valor da anticipación ao risco como xeito de evitar os perigos e os accidentes no manexo do tractor».

No marco desta campaña, previuse a repartición de dezaoito mil fichas informativas e a colocación de cinco mil carteis informando as causas máis habituais dos accidente, así como con recomendacións. A intención é que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), dependente da Consellería de Economía, distribúa este material en concellos, centros de saúde, farmacias, comercios de maquinaria agrícola, centros educativos, cafeterías, cooperativas... De igual modo, este organismo facilitará 7.500 trípticos informativos á Garda Civil de Tráfico, que os axentes repartirán nos distintos controis que levarán a cabo ao longo das próximas semanas na rede viaria de Pontevedra.

De igual modo, farase o propio con Medio Rural para que esta campaña tamén recale nas oficinas agrarias comarcais e nas unidades tramitadoras do Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA). Pola súa banda, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior colaborará na subministración dos trípticos entre aqueles concellos que dispoñen de agrupacións de voluntarios de Protección Civil.