Sofre unha fractura aberta nunha perna tras saír despedida da moto na que viaxaba

La Voz CUNTIS / LA VOZ

CUNTIS

A colisión entre un coche e unha moto produciuse na conflitiva estrada EP-8401, en Cuntis

16 jun 2019 . Actualizado ás 20:50 h.

A última hora da tarde deste domingo, os servizos de urxencias, entre eles Protección Civil de Cuntis, tivéronse que desprazar, novamente, á EP-8401, estrada que une Portela con Souto de Vexa, neste municipio pontevedrés, por un accidente de tráfico. Na colisión resultaron feridas dúas persoas que viaxaban na motocicleta que chocou contra un turismo.

Deste xeito, o piloto tería sufrido unha fractura no dedo dunha man, así como numerosas contusións en distintas partes do corpo. Peor parte levou a moza que viaxaba como paquete, que saíu despedida e, ao parecer, impactou violentamente contra o coche sufrindo unha fractura aberta nunha das pernas.

Ambos foron trasladados polo 061 en ambulancia a centros hospitalarios.

Dáse a circunstancia de que a EP-8401 é unha estrada que distintas voces en Cuntis consideran como moi problemática, polo que viñeron reclamando actuacións en materia de seguridade viaria.