En Marea esixe unha solución definitiva para a contaminación do encoro de Baxe

La Voz CALDAS / LA VOZ

CUNTIS

16 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O deputado autonómico de En Marea, Antón Sánchez, ten intención de que o Parlamento galego aborde a persistente contaminación por microcistina que afecta o encoro de Baxe, en Caldas. «Estamos ante un problema que xa dura demasiados anos», sinalou Antón Sánchez, quen remarcou que a súa intención é coñecer que fixo a Xunta para reverter esta situación, así como esixirá que se adopte unha solución definitiva.

Neste punto, aludiu a que «o Plan Umia destinaba vinte millóns de euros a actuacións destinadas a corrixir este tema», aínda que incidiu que se trata de intervencións «sobre as que o goberno galego non ten facilitado máis información». «Queremos saber que se fixo realmente, porque se esas actuacións se realizaron e non foron efectivas o que teríamos é unha ocultación e unha falta de transparencia», engadiu.

Insistiu en que o encoro «foi unha obra pouco pensada de acordo ao interese xeral», de tal modo que «o tempo deu a razón aos que se opuñan a unha obra que finalmente so serviu para dar unha concesión hidroeléctrica a unha empresa e que non solucionou os problemas para os que fora creada».

Pola súa banda, Santi Martínez, portavoz de , Veciñanza de CuntisSanti Martínez, cualificou ao situación do encoro como «un dos problemas medioambientais máis graves da comarca». Remarcou que é un feito que leva xa moitos anos xerando preocupación nos concellos aos que se fornece auga desde esta presa. «Non é asumible que Cuntis se resigne a ter auga encorada contaminada», sostivo, á vez que acusou a Xunta de manter unha posición de «abandono total e absoluto».