Cuntis e Moraña piden que se limpe o monte expropiado xunto ao encoro

Marcos Gago Otero
MARCOS GAGO PONTEVEDRA / LA VOZ

CUNTIS

EMILIO MOLDES

Augas de Galicia comprométese a realizar a mellora da depuradora cuntiense

12 sep 2018 . Actualizado ás 12:11 h.

Os alcaldes de Cuntis e de Moraña, o socialista Manuel Campos e a popular Luisa Piñeiro, solicitaron onte ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, que se acometa a limpeza da franxa de monte expropiado en torno ao encoro da Baxe.

A petición centrouse no caso cuntiense nuns terreos próximos ao lugar de Lornés. O rexedor Manuel Campos explicou que esta zona está «a monte total» e que a Xunta non pode exporse a incumprir a súa propia Lei contra os incendios forestais. Na mesma liña expresouse Luisa Piñeiro. «A Xunta fixo unha limpeza na contorna do río, pero hai unha zona expropiada, máis afastada que segue igual e alí se que está preto de núcleos de vivendas», apuntou a morañesa, que incidiu na boa recepción de Tourís sobre este punto. «Díxonos que ían continuar cos traballos de limpeza ata alí», precisou.

Neste encontro, o rexedor de Cuntis tamén expresou o seu interese por que se acometan unhas melloras na estación depuradora da localidade termal. Neste sentido, Tourís comprometeuse a que nas próximas semanas técnicos de Augas de Galicia desprazaranse a Cuntis para analizar a necesidade de executar algunha mellora na EDAR para minimizar a presenza da cianobacteria. Especialmente terase en conta a posibilidade de facer un pozo de decantación de cara ao inverno, para frear a mestura de augas pluviais e residuais.

En canto ao estado do encoro, Tourís reiterou o mesmo mensaxe de tranquilidade que expresou aos portavoces municipais de Caldas o pasado luns. Nin Cuntis nin Moraña captan auga do encoro. O delegado territorial da Xunta expúxolles os resultados das análises sobre a presenza de Microcystis, a cianobacteria que tingue de verde o Umia, e que se atopa en porcentaxes moi inferiores aos advertidos pola OMS. «Non existe problema algún para o consumo da auga en Caldas, Portas, Vilagarcía e no resto da Mancomunidade do Salnés», sentenciou Tourís.

Caldas insiste nunha fronte unida de alcaldes para esixir á Xunta que actúe no Umia

O alcalde de Caldas, o socialista Juan Manuel Rey, reuniu onte a representantes de varios concellos da conca do Umia, nunha reunión que tiña como obxectivo formar unha fronte de rexedores que esixise á Xunta unha actuación ambiental no Umia. Rey considera que a situación que viven o encoro da Baxe e o río en xeral como consecuencia da cianobacteria é insostible e que é urxente que Medio Ambiente e Augas de Galicia interveñan para unha solución que devolva uns parámetros óptimos ao ecosistema fluvial danado. A cita estábase levando a cabo á hora de peche desta edición e comezou sen que houbese representación de todos os concellos invitados polo executivo caldense.

A reunión deste martes debeuse a que ao Concello de Caldas non lle convenceron as explicacións de Tourís nun encontro co comité de urxencia polo Umia o luns.