Medio Ambiente investirá outros 200.000 euros no centro de fauna de Cotobade

m.h. PONTEVEDRA / LA VOZ

CERDEDO-COTOBADE

emilio moldes

A nova fase inclúe a posibilidade de recrear o ambiente natural nas cámaras de voo de mamíferos e aves nocturnas

15 novs 2018 . Actualizado ás 17:48 h.

En marzo, a entón conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, visitou as obras do centro de recuperación de fauna salvaxe que se estaba construíndo en Cotobade , que cualificou de referente. Entón, sinalouse que en xuño xa estaría en funcionamento e que se trasladaría a este inmoble os animais que están agora mesmo en Cotorredondo, xunto ao lago Castiñeiras. Pero finalmente esa data non se cumpriu e, aínda que os traballos xa están avanzados, a fauna aínda continúa en Marín . Iso si, a aposta da consellería por estas novas instalacións é firme. E, onte, a nova conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, visitou a zona e indicou que se investirán outros 200.000 euros no centro. Sumado ao diñeiro da primeira fase, o orzamento da obra queda en 675.000 euros.

Na primeira fase, a Xunta investiu 500.000 euros en adecuar un edificio que xa existía para a recepción dos animais e a súa atención veterinaria, segundo dixo onte Medio Ambiente. Agora trátase de levantar unha segunda instalación para a recuperación dos animais. «Contará con dúas estancias para mamíferos, dez azoerías, unha sala de cría de roedores, unha zona de muda e de lavado de aves e unha sala de necropsia», sinalou a consellería.

Unha das novidades que incorporará esa nova fase é a posibilidade que ofrecerá para recrear o ambiente natural nas cámaras de voo de mamíferos e aves nocturnas.

A conselleira tamén deu cifras onte do volume de actividade do centro de Cotorredondo. Así, indicou que no ano 2017 recibiu un total de 1.276 animais, o que supón un 40 % das entradas que houbo noutros os centros de recuperación de fauna salvaxe de Galicia. Non en balde, ademais do inmoble situado xunto ao lago Castiñeiras, hai instalacións deste tipo en Oleiros (A Coruña), O Veral, (Lugo) e O Rodicio (Ourense).