As obras de reforma do pavillón de Caldas faranse mantendo a actividade deportiva
CALDAS DE REIS
A previsión é que o groso dos traballos, que dotarán á instalación de novos vestiarios e unha sala polivalente, estean rematados antes de que acabe o ano
12 nov 2025 . Actualizado á 19:40 h.As obras de reforma do pavillón municipal de deportes de Caldas de Reis para dotar á instalación duns novos vestiarios e unha sala polivalente comezarán en breve. O Concello acaba de adxudicar esta actuación á empresa Decor Rede Rivas S.L., que presentou unha oferta de 203.643 euros e prevé acurtar o prazo de execución dos traballos para minimizar as molestias tanto á actividade deportiva como aos centros educativos próximos. Segundo explica o concelleiro de Deportes, Manuel Fariña (BNG), tras a reunión da mesa de contratación o pasado martes, o persoal técnico municipal requirirá á construtora o aval garantía da obra, tendo un mes de prazo para empezar os traballos desde a firma oficial do contrato. A previsión do goberno local é que o groso da reforma poida estar lista antes de que finalice o ano.
Expoñen desde o Concello que a intención é manter a actividade deportiva no pavillón, polo que a reforma se dividirá en dúas áreas e fases de obra. A adxudicataria intentará «relaxar a tensión acústica» que poidan supor os traballos para os dous centros educativos máis próximos, o CPI Alfonso VII e o IES Aquis Celenis. Para iso, evitarase o máximo a actividade nas horas lectivas, estando en comunicación constante cos equipos directivos do colexio e instituto. A construtora comprometeuse, así mesmo, a utilizar os medios necesarios (secadoras industriais e sistemas de ventilación forzada) para evitar as demoras de secado de morteiros e adhesivos pola humidade desta época do ano.
Desde a concellaría de Deportes fan fincapé en que o pavillón é a instalación deportiva máis grande do municipio e acolle tanto competicións federadas e torneos como actividades escolares e complementarias, «motivo polo que era necesario facer unha reforma e aproveitar a súa máxima potencialidade». Grazas á reforma, farase unha redistribución de todo o espazo que hai debaixo das bancadas, renovando de xeito integral os actuais vestiarios, que están en mal estado de conservación, para facelos accesibles e funcionais. En xeral, renovaranse todas as instalacións de fontanería, saneamento, electricidade e ventilación, cumprindo coa normativa vixente, subliña o Concello, en materia de accesibilidade e sustentabilidade ambiental. Ao mesmo tempo, aproveitarase o espazo restante baixo as bancadas do público para crear unha nova zona de usos múltiples, que permitirá organizar un programa amplo de actividades deportivas. A intención é estudar a posta en marcha de clases grupais moi demandadas como ioga, zoa ou GAP (modalidade que combina traballo aeróbico e muscular en glúteos, abdome e pernas), coa contratación de persoal.