As axudas da área de rehabilitación integral de Caldas espertan o interese de 55 solicitantes

La Voz CALDAS DE REIS / LA VOZ

CALDAS DE REIS

CONCELLO DE CALDAS DE REIS

O goberno local destaca a importancia deste programa para as empresas do municipio

17 novs 2020 . Actualizado ás 16:50 h.

O Concello de Caldas de Reis informou de que, ao peche do prazo, presentáronse 55 solicitudes ás axudas para a rehabilitación de edificios e vivendas da área de rehabilitación integral (ARI) con financiamiento do programa de Rexeneración e Renovación Urbana e Rural do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021. O incremento das solicitudes con respecto ao ano anterior é dun 254 %, acadado o orzamento total das obras solicitadas preto de medio millón de euros. As peticións están en fase de revisión pola oficina municipal do ARI, As solicitudes excederán os fondos dispoñibles, que ascenden a 180.000 euros para obra privada. A Xunta achega o 10 % desta cantidade, o Estado o 40 % e o resto os promotores. Ademais, o programa contempla partidas suplementarias para actuacións públicas.

Do total de peticións, sete terán lugar en edificios especialmente protexidos, polo que recibirán mil euros a maiores cada unha. Nos expedientes propostos inclúense 31 empresas das que o 90 % son de carácter local. O alcalde, o socialista Juan Manuel Rey, expresou a súa satisfacción polo interese que captou esta petición de subvencións, que suporá unha inxección económica moi importante para o municipio.