Caldas reparte un conto sobre Juan Fuentes , o emigrante que pagou a praza de abastos

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral CALDAS / LA VOZ

CALDAS DE REIS

CONCELLO

O Concello editou a publicación no 90 aniversario da construción do mercado da rúa Real

26 dic 2019 . Actualizado ás 11:35 h.

O Concello de Caldas de Reis distribuirá mañá venres, ás 11 horas na praza de abastos, o conto ilustrado sobre a figura de Juan Fuentes Echevarría, un caldense que emigrou a Arxentina a mediados do século XIX chegando a facer unha gran fortuna e converténdose nun empresario de éxito. Fillo predilecto da vila de Caldas e comprometido coa súa comunidade foi un gran benefactor da cidade arxentina de Rosario, onde viviu, e tamén da súa vila natal, xa que financiou integramente a construción da praza de abastos de Caldas, en 1929.

Desde o Concello sinalaron este xoves que na fachada do edificio que alberga a praza de abastos, situado na rúa Real, pódese ver unha inscrición dedicada á nai do benefactor, que se chamaba Graciana Echevarría; así como dous relevos en bronce de Juan Fuentes e da súa nai, que foron feitos polo escultor galego Acuña.

O conto convértese no segundo da colección Pequenas historias, grandes caldenses, que se iniciou co publicado o ano pasado, titulado O Sabio Caldas, dedicado ao científico ilustrado Francisco José de Caldas no 250 aniversario do seu nacemento.

O obxectivo desta colección de contos, sinalaron desde o Concello, é recuperar as vidas e historias das persoas que contribuíron ao desenvolvemento de Caldas, e que forman parte da nosa memoria local, case sempre descoñecida polos máis novos. Ademais, neste caso de Juan Fuentes Echevarría, a publicación é unha oportunidade para promocionar a praza de abastos no seu 90 aniversario.

O conto distribuirase de xeito gratuíto na praza de abastos coa colaboración da Asociación Praza de Abastos de Caldas, polo que a concelleira de Cultura, María López (PSOE), anima e convoca a nenos e maiores para que pasen a recoller o seu conto polo posto específico para a ocasión, e que tamén será entregado aos clientes do mercado ao realizar as súas compras. A distribución continuará o ano que vén nos centros educativos de Caldas e desde o departamento municipal de Cultura.