As obras para reparar a variante de Caldas seguirán todo o día

CALDAS DE REIS

Ramón Leiro

A estrada de circunvalación da N-550 cortouse ao tráfico o luns de madrugada tras un desprendemento de terra

17 dic 2019 . Actualizado ás 13:09 h.

«De momento seguen traballando e calculan que estarán todo o día». Os traballos para reparar os danos causados por un desprendemento de terra continúan este martes na variante de Caldas de Reis. Así o indican fontes da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, xa que a estrada de circunvalación da N-550 é de titularidade do Ministerio de Fomento. O corte total da variante produciuse o luns ás catro da madrugada, tras un desprendemento localizado no lugar dos Barreiros.

A caída de terra, pedras e varias árbores deixou inutilizados os dous carrís de circulación, polo que se tivo que pechar o viario. O tráfico en dirección a Pontevedra ou a Santiago desvíase polo centro urbano de Caldas. Polo momento non hai previsión para a reapertura da circunvalación, un viario de 6,4 quilómetros que entrou en servizo fai máis de nove anos.