Reabre ao público a biblioteca de Caldas tras a súa reforma

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral CALDAS / LA VOZ

CALDAS DE REIS

CONCELLO

A actuación incluíu a substitución do pavimento, o pintado de paredes e a renovación do mobiliario deteriorado

31 oct 2019 . Actualizado ás 15:55 h.

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey (PSOE), e a concelleira de Cultura, María López, visitaron este xoves a biblioteca municipal co gallo da súa apertura ao público. O centro estivo pechado varias semanas debido a unhas obras de reforma que incluíron a substitución do pavimento, o pintado das paredes e a renovación do mobiliario deteriorado. María López destacou que estes traballos se suman a un ano de novidades para a biblioteca Pai Manuel Martínez Ferro, que desde o pasado xullo está integrada no catálogo da Rede de Bibliotecas de Galicia. Que supón esa incorporación? Vantaxes para o usuario como ofrecer un único catálogo en liña e consultar a dispoñibilidade dun documento en calquera das bibliotecas da rede. Ademais proporciona un só carné válido para todos os centros integrados no catálogo.

A concelleira de Cultura tamén subliña a relación da biblioteca de Caldas cos centros educativos a través de dous programas. Un é A biblioteca viaxeira, que consiste en préstamos colectivos de material aos centros; e Coñece a túa biblioteca, un programa de visitas guiadas ao centro situado no paseo de Román López. Entre as novas iniciativas para este curso, desde o Concello cítase a actividade Ler en familia. Está dirixida a alumnos de 1º e 2º de primaria e consiste na lectura de contos por parte dun grupo de pais, nais e avós na clase dos seus fillos ou netos. Realizarase na semana do 18 ao 22 de novembro en varios centros educativos.

A biblioteca tamén está a renovar e completando o equipamento informático para o uso do público, «garantizando así o acceso democrático ás novas tecnoloxías».