Premio para o xefe da Policía Local de Caldas

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral CALDAS / LA VOZ

CALDAS DE REIS

M.C.

Manuel Castro Escariz é un dos dous candidatos gañadores en poboacións de menos de 25.000 habitantes

24 oct 2019 . Actualizado ás 13:32 h.

Os afiliados da Asociación de Xefes e Mandos de Policía Local de Galicia (Axempol) son os que deciden as distincións. Os premios do 2019 entréganse este venres no marco dun congreso que se celebra na Academia Galega de Seguridade Pública (AGAPS). Entre os galardoados figura o xefe da Policía Local de Caldas de Reis, Manuel Castro Escariz, na categoría de poboacións de menos de 25.000 habitantes. Entre os méritos que acumula, en 25 anos de traxectoria, figura a detención este ano dun narcotraficante de nacionalidade macedonia, que estaba en busca e captura desde o 2013; e o feito de que a policía de Caldas fose pioneira en adoptar diversas medidas como a matriculación e rexistro municipal de ciclomotores no ano 1997 cando non era obrigatorio a nivel estatal, a implantación da zona azul gratuíta con disco, a ordenanza de control de transportes especiais ou un protocolo de distribución territorial competencial en materia de tráfico en colaboración coa Garda Civil.

Na folla de servizo do xefe da Policía Local de Cadas tamén figura conseguir unha policía integral, con servizo 24 horas os 365 días do ano. Tamén se subliña cunha mención especial a súa «calidade humana e profesional, conseguindo co seu talante e capacidade de diálogo, un persoal cohesionado, entendemento cos dirixentes políticos e cos cidadáns».