Bicicletas e patinetes para aprender educación viaria en Caldas

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral CALDAS / LA VOZ

CALDAS DE REIS

CONCELLO

A Policía Local impartiu un taller para os nenos que participan na ludoteca de verán

07 ago 2019 . Actualizado ás 20:35 h.

As instalacións do colexio público integrado (CPI) Alfonso VII de Caldas de Reis acolleron este luns e martes un taller de educación viaria impartido pola Policía Local. Os destinatarios foron os nenos que participan na ludoteca de verán que se desenvolve no centro educativo. A actividade comprendeu unha parte teórica onde, a través dun vídeo e explicacións dos axentes, detallouse o significado dos sinais que deben respectar cando camiñan ou van en bicicleta pola rúa. Completouse cunha parte práctica onde os pequenos trasladaron os coñecementos adquiridos. Cada neno levou a súa bici ou o seu patinete para percorrer o circuíto.

Segundo o Concello, a valoración do alumando foi «excelente». O taller de educación viaria completarase este venres, cando os nenos visiten a sede da Policía Local, situada na planta baixa do Concello. Nesta primeira quincena de agosto participan na ludoteca un total de 68 menores.