Caldas busca vías de financiamento para o plan de mobilidade

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral CALDAS / LA VOZ

CALDAS DE REIS

CONCELLO

O concelleiro de Medio Ambiente reuniuse co director do equipo redactor do proxecto

19 jul 2019 . Actualizado ás 17:52 h.

O Concello de Caldas de Reis está estudando o calendario e as vías de financiamento para a aplicación do Plan de Mobilidade Sostible, que se elaborou co apoio da Deputación de Pontevedra. O concelleiro de Medio Ambiente, Obras e Infraestruturas, Manuel González (PSOE), reuniuse este venres co director do equipo redactor do documento, Luciano Alfaya, do estudo Mmasa, para analizar as primeiras medidas que se propón implantar o goberno local.

No encontro estudáronse diferentes convocatorias de subvencións relacionadas coa mobilidade sostible e a transición a unha economía baixa en carbono, do Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (Idae), que subvenciona con fondos Feder da UE ata o 80 % das actuacións. O Concello presentará candidaturas nos próximos meses para financiar algún dos proxectos e obras contemplados no plan.

En concreto, traballarase en actuacións relacionadas co transporte colectivo, a conexión urbana-rural, as melloras na rede viaria, o acougado de tráfico, a peonalización de rúas, a mellora da accesibilidade, o transporte ciclista e a propia implantación do Plan de Mobilidade Sostible. Segundo fontes municipais, trátase dun documento «imprescindible» para acceder a estas axudas.

Manuel González e Luciano Alfaya tamén valoraron a idoneidade da proposta do grupo de goberno para implantar a velocidade 30 en todo o centro urbano. Para iso, solicitarase ao Ministerio de Fomento a adopción dunha medida similar nos tramos urbanos das dúas estradas nacionais que atravesan o municipio.