Caldas publicará un conto infantil sobre a figura de Juan Fuentes Echeverría

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral CALDAS / LA VOZ

CALDAS DE REIS

CAPOTILLO

O Concello editará a obra no 90 aniversario da construción da praza de abastos

17 jul 2019 . Actualizado ás 16:27 h.

O Concello de Caldas de Reis está preparando a publicación dun conto ilustrado sobre a figura de Juan Fuentes Echeverría, personaxe ilustre da vila de Caldas que financiou integramente desde Arxentina a construción da praza de abastos en 1929. Así como a fonte que decora a súa fachada principal, restaurada o ano pasado. O conto será o segundo da colección Pequenas historias, grandes caldenses, que se iniciou co publicado o ano pasado, titulado O Sabio Caldas, dedicado ao científico ilustrado Francisco José de Caldas no 250 aniversario do seu nacemento.

O departamento de cultura do Concello está a realizar, desde hai uns meses, unha investigación histórica sobre as orixes do personaxe e da súa familia en Caldas de Reis, sobre a emigración de varios membros da súa familia a Arxentina, e tamén sobre a súa vida na cidade de Rosario, onde foi coñecido como O rei do millo, polo éxito da súa actividade empresarial neste ámbito e onde construíu o edificio Palacio Fuentes , un dos máis singulares da cidade.

O proceso de financiamento e construción da praza de abastos aparece documentado en diversas actas do Concello que se conservan no arquivo histórico municipal, así como diferentes documentos inéditos sobre a súa familia. A publicación presentarase no mes de outubro, que é cando se cumprirán noventa anos da construción da praza de abastos, e cando foi nomeado fillo predilecto de Caldas.

A concelleira de Cultura, Infancia e Mocidade, María López (PSOE), destacou que «con esta colección de contos infantís quérese dar a coñecer aos máis pequenos as persoas que contribuíron ao desenvolvemento de Caldas, que deben formar parte do noso patrimonio histórico e cultural. Ademais é unha oportunidade para promocionar a nosa praza de abastos».