O PP suspende de militancia a Manuel Touceda Rey , número 7 de lista en Caldas

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral CALDAS / LA VOZ

CALDAS DE REIS

PP PROVINCIAL

A medida adoptouse tras coñecer que este veciño de San Clemente foi detido pola Garda Civil como suposto integrante dunha banda que saqueou 14.000 litros de gasoil

14 jun 2019 . Actualizado ás 10:42 h.

O PP de Caldas de Reis acaba de facer público que se suspendeu de militancia a Manuel Touceda Rey , número 7 da candidatura do partido nas pasadas eleccións municipais do 26 de maio. Os conservadores toman esta medida despois de que o pasado 5 de xuño transcendese que Manuel Touceda Rey foi detido pola Garda Civil xunto a outros tres veciños de Caldas como suposto integrante dunha banda responsable do saqueo de 14.000 litros de gasoil, segundo sostén o instituto armado. Todos os arrestados quedaron en liberdade á espera de comparecer no xulgado cando sexan requiridos.

A pesar de tomar esa decisión, o PP de Caldas esixe que non se vulnere a presunción de inocencia do seu compañeiro e subliña que nun estado de dereito a culpabilidade «só a pode establecer un tribunal de xustiza». «Confiamos plenamente na ausencia de responsabilidade penal en relación cos presuntos delitos dos que está a ser investigado, e no bo facer das forzas de orde público e das autoridades xudiciais, esperando que se esclareza esta situación o antes posible», subliña o partido. Os populares afirman que nunca tolerarán nin ampararán «ningún tipo de conduta ilegal, nin ética nin moralmente reprobable por parte dos nosos concelleiros no exercicio da representación pública». Manuel Touceda non é concelleiro electo pero acórdase suspendelo de militancia, en principio de forma temporal, mentres non se aclare a súa situación persoal.

O PP de Caldas tamén cuestiona o proceder do PSOE local, que hai uns días difundiu unha nota na que esixía explicacións públicas ao PP polo caso de Manuel Touceda Rey . Os populares lembran aos socialistas que o seu partido «chegou a ter sentado no banquillo a todo o equipo de goberno por feitos directamente relacionados co desempeño de cargos políticos e non foron quen de adoptar medida disciplinaria ningunha nin nunca deron explicacións aos caldenses». Refírese o PP a un xuízo penal do que saíron absoltos, en febreiro do 2008, ao descartarse un delito continuado de prevaricación urbanística pola concesión de seis licencias para naves industriais nas Veigas de Xantar.

Os conservadores sinalan que durante a campaña electoral non repartiron ningún tipo de panfleto de difamación e menosprezo contra o alcalde, como dixo o PSOE, senón unha revista en cada parroquia, tamén en San Clemente, na que denunciaban os compromisos incumpridos polo Concello, E lanzaron unha advertencia aos socialistas: «Que midan as expresións se non queren ter que render contas ante a xustiza porque nós imos ser intransixentes con esta forma de entender a política».