Técnicos de emprego e empresarios reúnense en Caldas para avanzar nun programa

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral CALDAS / LA VOZ

CALDAS DE REIS

CONCELLO

O obxectivo da iniciativa Máis Emprego é a inserción de 37 participantes de catro municipios

04 abr 2019 . Actualizado ás 17:07 h.

O salón de plenos do Concello de Caldas de Reis albergou este xoves un encontro entre os técnicos do programa integrado de emprego Máis Emprego II, formado polos os concellos de Cuntis, Caldas, Barro e Portas, e o tecido empresarial de Caldas. Había empresarios do sector da hostalería, metal, forestal, química, alimentación e representantes da asociacion de empresarios e do Centro Comercial Aberto (CCA). Máis Emprego II é unha iniciativa subvencionada pola Xunta que permite a través dunha agrupación de catro concellos levar a cabo iniciativas para mellorar a empleabilidad de persoas desempregadas.

O programa arrincou o pasado 2 de novembro e prolongarase ata o próximo 31 de outubro. Atenderase a cen participantes remitidos polo Servizo Público de Emprego e clasificados en tres colectivos de parados: menores de 30 anos de baixa cualificación, menores de 30 cualificados e maiores de 45 anos. A orde do programa establece un obxectivo xeneral que pasa por conseguir a inserción dun mínimo de 37 participantes, cunha permanencia no traballo non inferior a tres meses. Para axustar os perfís profesionais con vistas a esa inserción laboral están a xestionarse unha serie de accións para capacitar profesionalmente aos usuarios. Entre elas, información, orientación, planificación e asesoramento; formación transversal e específica; prospección empresarial; e prácticas non laborais en empresas.

O Concello fixo de intermediario entre o programa e as empresas do municipio. Ata o 4 de abril, o total de participantes foi de 57 dos 100 previstos, conseguindo unha inserción laboral de 12 persoas.