Caldas lanza a segunda campaña de trampeo contra a velutina, que inclúe centros educativos

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral CALDAS / LA VOZ

CALDAS DE REIS

PROTECCIÓN CIVIL CALDAS

O Concello, en colaboración con Protección Civl e as comunidades de montes, repartirá 250 cebos polo municipio

27 mares 2019 . Actualizado ás 10:31 h.

O Concello de Caldas de Reis, coa colaboración da Agrupación Municipal de Voluntarios de Protección Civil, acaba de lanzar a súa segunda campaña de trampeo contra a avespa velutina. Serán 250 cebos os que se repartirán polo municipio en varios sectores. Segundo explicou a agrupación de voluntarios, as comunidades de montes recibiron este martes 150 trampas, que se unen ás máis 100 repartidas o pasado ano. Os comuneiros deberán informar a Protección Civil do lugar da súa localización. Ademais, os veciños recibiron trípticos informativos para a súa difusión, cedidos pola Consellería de Medio Rural e o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga).

Antes, o alcalde, Juan Manuel Rey (PSOE), e Protección Civil citaron aos directores de todos os centros educativos para exporlles un novo plan de traballo. Neste caso, serán 50 trampas as que se repartirán en toda a comunidade escolar de caldas. Segundo sinalou a agrupación, os directores acolleron esta achega como un «avance significativo», que estará apoiado polo Concello e que coordinará mensualmente (en época lectiva) Protección Civil coa dirección dos centros. O encontro serviu tamén para que os directores de colexios e do instituto solicitasen xornadas formativas á agrupación para a comunidade escolar.