Educación anuncia a ampliación do IES Aquis Celenis de Caldas

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral CALDAS / LA VOZ

CALDAS DE REIS

Capotillo

A titular do departamento da Xunta, Carmen Pomar, cuantificou o investimento en máis dun millón de euros durante unha visita ao instituto e ao CPI Alfonso VII

08 feb 2019 . Actualizado ás 12:21 h.

É unha vella demanda da comunidade educativa e do Concello de Caldas de Reis. Ampliar o IES Aquis Celenis para atender o incremento de alumnos en ESO e sobre todo en bacharelato. A conselleira de Educación, Carmen Pomar, anunciou este venres que o seu departamento ten previsto licitar o proxecto de ampliación do instituto en canto o Concello poña a disposición os terreos para levar a cabo a actuación. A obra consistirá na ampliación para aulas polivalentes de ESO e bacharelato e a reforma das aulas de música, debuxo e salón de actos. Desde a consellería apuntouse que ademais se estudará a posibilidade de implantar a FP Básica no Aquis Celenis en función da demanda existente no municipio.

Carmen Pomar tamén visitou este venres o colexio público integrado (CPI) Alfonso VII de Caldas, onde o seu departamento realizou o pasado ano unha obra para mellorar a eficiencia enerxética por un importe de adxudicación de case 550.000 euros. Renováronse as fiestras por outras de aluminio e cambiáronse as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética, ademais de illar a fachada mediante inxección en cámara. Tamén se substituíron as persianas e as súas caixas. Todo iso para conseguir un aforro enerxético anual do 29 %.

A conselleira tamén se desprazou ao CPI Aurelio Marcelino Rey García, de Cuntis, para comprobar o resultado das obras de reparación dos danos ocasionados recentemente por unha avaría na subministración de auga.