Sobe a cianobacteria no encoro do Umia e na captación de Segade, en Caldas

c. b. CALDAS / LA VOZ

CALDAS DE REIS

M.C.

A última análise feita público ten data do 5 de novembro

13 novs 2018 . Actualizado ás 10:56 h.

A cianobacteria que tingue de verde a lámina de auga do encoro do Umia mantense en pleno outono. A Consellería de Medio Ambiente acaba de facer público unha nova análise da auga, correspondente ao 5 de novembro. Con respecto á anterior sondaxe, do 29 de outubro, a tendencia é á alza na presa da Baxe, onde se pasou de 28.000 células de Microcystis por mililitro de auga a 51.250; e tamén na captación de Segade, con 15.500 células fronte ás 8.000 que había unha semana antes.

Onde se rexistra menos presenza da alga é na cola do encoro, debido ás últimas choivas. Neste caso contabilízanse 23.000 células fronte ás 302.000 da anterior análise.

O pantano do Umia, que está ao 58,73 % de ocupación, segundo o último boletín hídrico, segue en estado de alerta por cianobacterias. Unha situación que a Xunta decretou o pasado 6 de xullo, fai máis de catro meses, debido á proliferación desta alga tóxica. O proceso de eutrofización deste verán deu lugar á constitución dun comité de crise no Concello de Caldas para esixir á Xunta que aborde esta problemática ambiental e de saúde pública.