Gonzalo Caballero: «Hai un problema ambiental grave na provincia co río Umia»

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

CALDAS DE REIS

RAMON LEIRO

O líder dos socialistas súmase ás queixas pola cianobacteria

06 sep 2018 . Actualizado ás 12:43 h.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sumouse onte a cargo de alcaldes que reclaman unha solución para o encoro do Umia e a situación que sofre, afectado da proliferación dunha alga. Caballero visitou o encoro de Caldas de Reis para denunciar o que cualificou de de «falla de responsabilidade» o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, os reiterados episodios de microcistina, a alga que tingue de verde o río Umia, como consecuencia da auga embalsada.

«Existe un problema moi grave», alertou o líder dos socialistas galegos, que comparte a análise do alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, acerca de que é necesario un proxecto integral para facer fronte a un problema que se repite ano a ano por estas datas. Caballero puxo sobre a mesa a necesidade dunha limpeza do encoro, nunha visita que realizou á zona en compaña de Rey , e do rexedor de Cuntis , Manuel Campos, así como dos portavoces socialistas na comarca.

O líder do PSdeG reprochou a Feijoo que nin sequera teña tido «o tacto» de achegarse sobre o terreo para avaliar a situación, unha queixa que fixo extensiva á consellería de Medio Ambiente, tendo en conta que o río Umia mantense en alerta polas cianobacterias desde o pasado mes de xullo

Esta situación, alertou Caballero, ten uns «efectos económicos, medioambientais e socias» claros. Está sendo o Concello de Caldas o que está a asumir un alto custo económico para que os veciños teñan unha auga «de calidade», reprochou. «O Partido Popular ten que entender que hai un problema ambiental grave na provincia de Pontevedra e que hai que limpar o encoro. Non pode darlle as costas aos veciños», dixo Gonzalo Caballero, antes de subliñar que os efectos se deixan notar desde Caldas ata Vilagarcía.

«Os pozos filtrantes inaugurados hai anos non se usan», alerta o BNG

O BNG de Caldas sumouse onte á polémica para asegurar que proporá na próxima reunión do gabinete de crise convocado polo alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey (PSOE) que se poñan en funcionamento os pozos filtrantes construídos nas ribeiras do río Umia. «Segundo lle confirmou Juan Manuel Rey -din desde a formación nacionalista- ao portavoz municipal do BNG, Manuel Fariña, malia a estar inaugurados hai anos aínda non se puxeron en funcionamento, o que non deixa de ser unha mostra da importancia que lle dá o goberno municipal a un problema tan grave coma esta», reprochan os nacionalistas.

«A principal preocupación de Juan Manuel Rey neste momento debera ser a de ofrecer ás veciñas e veciños unha auga da máxima calidade posible, sen embargo está a mostrar unha falta de liderado e unha desidia certamente preocupantes», dixo Fariña xustamente no día da visita do líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, ao encoro xunto a distintos rexedores afectados, entre eles o propio Juan Manuel Rey.

Con todo, para o BNG, as actuacións reivindicativas de Rey coa Xunta non se corresponden cos feitos e acusa tanto ao Concello de Caldas como á Xunta de Galicia de facer do Umia «un auténtico camposanto de cartos, no que levan investido grandes cantidades de diñeiro en obras que logo non se utilizan», en referencia aos mencionados pozos do filtrado nas marxes do río.