Caldas gasta un 25 % máis en depuración pola alga

Cristina Barral Diéguez
c. barral CALDAS / LA VOZ

CALDAS DE REIS

emilio moldes

26 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O equipo de goberno do Concello de Caldas de Reis acusou este sábado á Xunta de botar balóns fóra respecto da situación do encoro do Umia, en estado de alerta pola proliferación de cianobacterias. O portavoz do goberno local, Manuel González (PSOE), cualificou de «moi preocupante» o estado da presa da Baxe e as súas consecuencias augas abaixo, e lamentou que por parte da Administración autonómica «non se asuman as súas competencias». «Cando alteraron o leito do río cun encoro non lles importou o Concello, e cando fixeron probas coa cáscara de eucalipto tampouco precisaban do Concello. Entón teñen competencia para actuar no río», subliñou o concelleiro. O Concello desvelou que está a asumir un 25 % máis de gasto en produtos para a depuración da auga con vistas a garantir así o abastecemento aos veciños. Manuel González anunciou unha comparecencia do alcalde, Juan Manuel Rey, nos próximos días.

O BNG, contra Xunta e PSOE

Pola súa banda, o Bloque de Caldas repartiu onte as culpas da situación que arrastra o encoro entre o PP e o PSOE. «Foi unha traizón consumada polo PP, que foi o ideólogo e construtor, pero tamén polo PSOE, que non dubidou en sumarse ao peche de comportas e subir á zódiac que surcou as augas do encoro», afirmou o seu portavoz, Manuel Fariña. Os nacionalistas cuestionaron que durante o festival PortAmérica, a principios de xullo, non se advertise xa do estado das augas á poboación. Sosteñen que a actitude da Xunta e do Concello de Caldas é «irresponsable» e «temeraria» e esixiron que se avance nunha solución definitiva ao problema ambiental e de saúde pública que afecta a varios municipios.