Alumnos de tres institutos traballarán para desenvolver a súa vocación científica

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

BUEU

Ramón Leiro

Os IES Torrente Ballester, A Xunqueira II e Johan Carballeira estrean o Stembach, o bacharelato de excelencia

13 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Ningún instituto de Pontevedra nin da súa comarca animouse o pasado curso a impartir o novo bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía, o chamado Stembach. Este ano son tres os centros que o incluíron na súa oferta educativa, os IES Gonzalo Torrente Ballester e A Xunqueira II, na cidade de Pontevedra, e o IES Johan Carballeira, en Bueu. En total serán 37 estudantes de 1º de bacharelato os que probarán o Stembach.

O obxectivo desta modalidade é promover a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica. Como? Pois a través dunha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación ao ensino universitario. O Stembach consta de dous cursos. No primeiro dáse unha formación xeral a través dunha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas. Trátase dunha materia para profundar no ámbito de materias STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas). Complétase con outras actividades como saídas ou conferencias.

No segundo ano os estudantes teñen que desenvolver un proxecto de investigación, individual ou colectivo, con posterior defensa pública. Trátase dun proxecto similar ao traballo fin de grao dos universitarios. De feito, cada proxecto ten que ser codirigido por un docente dun departamento universitario ou dun centro de investigación do sistema universitario de Galicia.

Por que se animaron estes institutos públicos a probar o bacharelato de excelencia? Esther Padín é a súa coordinadora no IES A Xunqueira II. «O pasado curso barallámolo, pero acabábannos de conceder o Espazo Maker e era demasiado volume de proxectos para arrincar. Tamén levamos catro cursos cos talleres do Club de Ciencia e o Stembach é unha oportunidade moi boa para darlle continuidade», sinala a profesora de Matemáticas. Eles arrincan con 10 alumnos e contactos con varias facultades da Universidade de Vigo. Unha delas é a Escola de Forestais para un proxecto sobre biomateriales.

No IES Johan Carballeira, de Bueu, 12 alumnos cursarán o Stembach. A maioría son dese centro, aínda que se sumaron algúns do Virxe Milagrosa e do IES Illa de Ons. Miguel Quiroga, docente de Química, é o coordinador, pero tamén están implicados outros catro profesores. Cores da química; química na cociña; liñas de campo magnético trazadas por nanopartículas; e fabricación de nanopartículas de ouro de distintas cores para o seu uso en biosensores son os proxectos sobre os que queren traballar.