Dakidarría e Nave súmanse ao cartel do festival Sorrías Baixas

BUEU

MARCOS CREO

A organización anuncia tamén a actuación de Boikot e de Segismundo Toxicómano

14 feb 2019 . Actualizado ás 08:00 h.

A organización do Sorrías Baixas continúa desvelando o cartel de grupos que pasarán polo escenario do festival de Bueu o próximo agosto. Segismundo Toxicómano, Nave, Boikot e Dakidarría súmanse ao cartel do evento musical que terá lugar os días 1 ao 3 de agosto.

Estes artistas incorpóranse aos nomes xa coñecidos para esta edición, entre os que se atopan O Adhesivo, A M.Ou.D.A., Muyayo Rif, Periferia Norte, Zea Mays e Zoo.

As entradas para poder asistir aos concertos están á venda na web de evento -sonriasbaixas.info-, cun prezo especial e limitado de 31 euros máis gastos os tres días de actividades, acampada incluída.

Segismundo Toxicómano achegará ao público o seu hardcore punk, «con contundencia e velocidade, facendo gala do seu lema Somos os Segis e imos á puta lea». Nave despídese dos escenarios na que chamaron A derradeira xira e ofrecerá no Sorrías Baixas unha das últimas oportunidades para velos sobre un escenario. Dakidarría regresará a Bueu «coa súa mensaxe rebelde e de loita, que ás veces nos transmite a rabia contra as inxustizas e ás veces o bo rollo máis sincero». Boikot continúa «reinventando o punk urbano para pasar a unha fórmula propia».