Un polbo artístico, reciclado e de premio no CEIP A Pedra

La Voz BUEU / LA VOZ

BUEU

CEIP A Pedra

12 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Que os nenos de catro anos do colexio A Pedra de Bueu, tanto os da clase da profesora María como os de Cris, son uns campións sábeno ben os seus papás, as súas profesoras e eles mesmos. Pero agora tamén se decataron moito máis lonxe de todo o que estes pequenos grandes xenios son capaces de facer. Resulta que participaron nun concurso organizado pola firma Giotto. Tiñan que elaborar un deseño artístico con material reciclado. E fixérono tan ben que lles deron un premio. Vanlles entregar nada menos que material escolar por valor de 700 euros.

Que fixeron os nenos xunto aos seus profes Cris e María? Pois, para empezar, elixiron unha figura. E que mellor que representar en colorines á querida mascota do colexio, o polbo Papirus. Elixiron para elaboralo botellas de plástico de distintos tamaños, que pintaron dunha alegre cor rosa. Completaron a súa obra de arte cun barco confeccionado con tubos de cartón. E con este bosquexo fixéronse co premio. As mestras estaban onte encantadas e os pequenos, como sempre, cheos de ilusión. Desde o centro sinalaban tamén que fixeron o debuxo en forma de alfombra como os famosos mantos de flores de Bueu.