Búscanse recordos da Feira do Viño

La Voz

BARRO

14 feb 2019 . Actualizado ás 08:00 h.

O Concello de Barro fixo unha petición aos veciños que garden recordos das antigas edicións da Festa do Viño para que se poñan en contacto co Concello. Preténdese compor a historia da celebración, que nesta edición cumprirá corenta anos, a través de carteis e outros recordos.

Xa apareceron algunhas cousas. Por exemplo, unha veciña, Elena Solla, facilitou ao Concello o cartel co que se anunciou a primeira edición da festa, no ano 1980. Coincidiu un 22 de xuño e, entre outras atraccións, contouse coa presenza da orquestra Poceiro e Os Galegos. Por mor da publicación deste cartel nas redes sociais, un compoñente do grupo Os Alegres de Pontevedra indicou que esta agrupación tamén tocara ese día. E lembrou que pola tarde se celebrou un campionato de tiro de corda, que el mesmo gañou. A recompensa? «Un legón de tres libras e media rotulado con pintura vermella co nome da festa». Case nada.