Ponte Caldelas reclama unha ambulancia asistencial para mellorar a atención aos veciños

La Voz PONTE CALDELAS / LA VOZ

A Lama

CAPOTILLO

15 ago 2019 . Actualizado ás 11:48 h.

O goberno de Ponte Caldelas reclamou, unha vez máis, a dotación dunha ambulancia asistencial con base nesta localidade, como forma de garantir un servizo de calidade para os veciños deste municipio e os da contorna máis próxima, é dicir, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Soutomaior e Fornelos de Montes. O alcalde caldelano, o socialista Andrés Díaz, precisou que a Xunta «debería ter en conta a cantidade de festas de verán que hai nos concellos da comarca» á hora de deseñar o seu operativo de ambulancia do verán.

Desde o equipo de goberno incidiron en que actualmente as dúas ambulancias asistenciais que, chegado o caso, teñen que atender estes concellos atópanse en Pontevedra. Díaz recalcou que estes vehículos sanitarios están demasiado lonxe destes concellos á hora de atender urxencias porque teñen que empregar «tempos de desprazamento demasiado longos». O rexedor caldelano puntualizou que a situación é «especialmente grave» na Lama e Cerdedo-Cotobade, onde «non é extraño» que teñan que acudir a ambulancia ourensá de Avión, porque «todos os recursos de Pontevedra estean ocupados».