Pontevedra promocionarase como plató cinematográfico en Focus London

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Rodaxe de «As liñas discontinuas», de Anxos Fazáns
Rodaxe de «As liñas descontinuas», de Anxos Fazáns SABELA EIRIZ

Rías Baixas Film Commission xa ten pechadas reunións con Amazon, Netflix, HBO, Lionsgate, Universal Studios, Warner Bros ou Disney, entre outras firmas da industria audiovisual internacional

06 dic 2025 . Actualizado á 19:22 h.

Co dobre obxectivo de promocionar os atractivos turísticos da provincia e, ao tempo, dar a coñecer a oferta das Rías Baixas como plató cinematográfico, a Deputación de Pontevedra recalará os vindeiros 8 e 9 de decembro no Focus London, encontro internacional da industria audiovisual que se celebra no Business Design Centre de Londres. Este evento ten como meta principal a de conectar destinos de rodaxes con profesionais do sector, caso de localizadores, produtores, directores creativos e empresas de post-produción.

O organismo provincial participará neste encontro a través da Rías Baixas Film Commission, para o que xa están pechadas reunións con diversas produtoras de relevancia internacional. Así, citaron as plataformas Amazon, Netflix e HBO, pero tamén estudios como Lionsgate, Universal Studios, Warner Bros ou Disney e HBO, ademais de localizadores e traballadores do audiovisual freelance.

En todas estas entrevistas, «ofreceráselles a guía de rodaxe e presentaranse os lugares máis atractivos da provincia como destino apropiado para grandes producións audiovisuais», destacaron dende a Deputación de Pontevedra. Neste sentido, incidiron en que son conscientes de que en Focus London se poden «establecer contactos directos con localizadores, runners, produtores, estudios de produción, directores e outros perfís creativos e técnicos co obxectivo de atraer novos rodaxes e proxectos audiovisuais ao territorio», ao tempo que se divulgarán «localizacións singulares e recursos técnicos ou institucionais dispoñibles para materializar estas producións», engadiron ao respecto.

Compromiso coa industria

De igual xeito, a institución que preside o popular Luis López ten intención de achegar o se «compromiso coa industria cultural e audiovisual, así como co desenvolvemento económico a través do audiovisual». A comitiva desprazada a Londres, de igual modo, asistirá ás sesións técnicas nas que se analizarán as tendencias actuais do sector, fortalecerán contactos e identificarán oportunidades para impulsar a provincia de Pontevedra como destino de rodaxe estratéxico e innovador.