O persoal de mantemento do Hospital Provincial de Pontevedra pide melloras laborais e salariais

PONTEVEDRA

Os trabajdores volveron concentrarse este venres. A empresa aplica o convenio do metal cando as súas funcións non se axustan a esas condicións
18 jul 2025 . Actualizado á 15:40 h.Nova mobilización este venres dos traballadores do servizo de mantemento do Hospital Provincial de Pontevedra. Do mesmo xeito que fixera o pasado 3 de xullo, persoal de Veolia Grupo Norte, adxudicataria do servizo, concentrouse ante o hospital para reclamar a equiparación das condicións salariais e laborais que si teñen recoñecidas traballadores de mantemento doutras áreas sanitarias galegas.
Segundo apuntaron este venres desde CIG-Industria, o persoal leva máis dun ano intentando abrir unha mesa de negociación, pero, di, nin a adxudicataria nin o Sergas mostraron disposición para avanzar nos dereitos deste colectivo de empregados. A compaña concesionaria aplica o convenio do metal da provincia de Pontevedra, a pesar de que non se axusta ás funcións características que desenvolve este persoal. Neste sentido, aluden a gardas localizadas, o traballo en quendas ou o horario nocturno. Por iso, demandan melloras laborais e salariais por amais do convenio, coas que si conta o persoal de Veolia que traballa no mantemento do Hospital Álvaro Cunqueiro, de Vigo, ou no comarcal do Salnés.
Expón Anxo Lúa que a representación social mantivo hai dous meses unha reunión con responsables da área sanitaria para solicitar á Xerencia que facilitase un encontro coa empresa para abordar estas cuestións, pero a día de hoxe seguen sen noticias. Tras dúas concentracións, adiantan que non descartan convocar novas medidas de presión se a empresa e a Administración sanitaria seguen sen querer negociar.