Denuncian a retirada de pancartas do BNG de Poio por un «grupo de extrema dereita»

La Voz POIO / LA VOZ

PONTEVEDRA

Os nacionalistas critican «a estratexia de provocación e odio que pretende criminalizar o nacionalismo galego»

19 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O BNG de Poio denunciou publicamente «os ataques sufridos nas últimas xornadas por parte dun grupo de extrema dereita que, empregando simboloxía fascistas, retirou e vandalizou material político da nosa organización» no municipio. Concretamente, o portavoz municipal do Bloque, Marga Caldas, explicou que levan meses detectando a desaparición de pancartas que colocan en lugares visibles no municipio e que agora descubriron, por un vídeo en redes sociais, que polo menos bastantes destas pancartas foron retiradas por integrantes deste grupo, actuación que denunciarán ante a Policía Local.

A líder do Bloque de Poio subliñou que «estes feitos forman parte dunha estratexia de provocación e odio que pretende criminalizar o nacionalismo galego, sementar división e atentar contra a liberdade de expresión e a pluralidade política».

Desde o BNG poiense afirmaron: «Reiteramos o noso compromiso firme cunha Galiza libre, democrática e xusta. Condenamos os discursos de odio e intolerancia, así como calquera ataque que vulnere o dereito a nos expresarmos libremente».

Para concluír, desde a dirixente do BNG recalcou: «O nacionalismo galego é democracia. O fascismo, nunca máis».