O Concello de Pontevedra aprobou este xoves o expediente para contratar a subministración e instalación da iluminación das festas de Nadal do 2025, entroido e verán do 2026. O presuposto total é de 248.000 euros en tres lotes. Un é para as festas de Nadal, con 185.600 euros (cun incremento de 45.000 euros); outro para as do entroido, con 20.800 euros; e outro para as de verán, con 41.600 euros. Desde o goberno local apuntouse que o trámite se realiza con tempo suficiente para que non haxa problema á hora da instalación.
Tamén se aprobou na xunta de goberno local unha prórroga extraordinaria do contrato do servizo de conservación e mantemento da rede semafórica e do sistema de control de aparcadoiros. É por un ano e 95.884 euros, cun incremento de 18.150 para traballos de reparación que teñan que ver con accidentes fóra do mantemento normal. Foi adxudicado a Kapsch TrafiicCom.
Deputación e residencia
O alcalde de Pontevedra volveu insistir este xoves na contía dos convenios coa Deputación de Pontevedra, estancada en 2,5 millóns anuais. Miguel Anxo Fernández Lores afirmou que hai unha discriminación respecto aos fondos que reciben outros concellos. De feito, deu cifras do 2024 que constatan que tres concellos da provincia reciben máis achega que Pontevedra. Son, por esta orde, Lalín, con 2.864.084 euros; Vilagarcía, con 2.582.114 euros; e A Estrada, con 2.577.127 euros. Ademais, hai outros sete concellos que perciben fondos por un importe que supera os dous millóns. Dixo que o seu goberno seguirá insistindo para que se incremente esa cantidade.
Sobre a demora na apertura da nova residencia de maiores da Eiriña, indicou que a Xunta presentou unha comunicación previa que exime de licenza, pero que había que corrixir uns defectos nas beirarrúas e medición de ruídos. «Falta unha documentación que se lle solicitou», dixo Lores.