Manuel Fariña volve encabezar a candidatura do BNG en Caldas

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral CALDAS / LA VOZ

PONTEVEDRA

Manuel Fariña, candidato del BNG a la alcaldía de Caldas de Reis
Manuel Fariña, candidato do BNG á alcaldía de Caldas de Reis BNG

Este profesor de 33 anos sostén que os nacionalistas están preparados para pilotar un «necesario cambio de rumbo»

01 feb 2023 . Actualizado ás 18:25 h.

O BNG de Caldas de Reis volve apostar por Manuel Fariña para encabezar a candidatura dos nacionalistas nas municipais do próximo 28 de maio. É a segunda vez que este profesor de 33 anos concorre como número uno da lista. Na actualidade, o BNG ten dous concelleiros na corporación.

«Aspiramos a todo». Así resume Manuel Fariña as aspiracións da formación nos comicios, tras ser elixido candidato á alcaldía. Sostén o concelleiro que se palpa no ambiente un desexo de cambio, de rematar coas rutinas e co que cualifica de ineficacia e falta de proxecto do PSOE de Juan Manuel Rey, rexedor desde o 2006 cando substituíu a José María Tobío.

«Estes últimos catro anos foron catro anos perdidos, sen pulsión, sen iniciativa, sen ganas por transformar o noso concello e sentar as bases para o seu desenvolvemento», sinala o edil. Sostén Manuel Fariña que Caldas ten problemas crónicos que non se afrontan porque o equipo de goberno, di, prefire mirar para outro lado.

Fai fincapé o Bloque en que cando o PSOE puido enfrontar eses problemas optou por apoiarse no PP «para seguir coa mesma política paralizante». Lembrou que no ano 2020, socialistas e nacionalistas chegaron a un acordo para aprobar os orzamentos municipais. «Uns acordos que supoñían un xiro radical na política municipal levada a cabo ata entón. Foron dez puntos que, na súa maioría desde o minuto un, o PSOE se empeñou en incumprir», asegurou.

Un dos aspectos nos que o Bloque é máis belixerante é na situación da sanidade pública. Tamén no estado do río Umia ou nos graves problemas de mobilidade e seguridade viaria das estradas nacionais que cruzan o centro urbano de Caldas. «A calada nunca pode ser a resposta», recalca Manuel Fariña. Consideran os nacionalistas que están preparados para pilotar ese cambio de rumbo en Caldas, que «non só é posible, senón que é necesario e urxente».