Dos pendentes de labregas ao felpudo retranqueiro: a potencia da industria cultural galega

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

O Culturgal de Pontevedra amosou que os creadores da terra seguen sen ter límites

28 novs 2022 . Actualizado ás 15:02 h.

Se alguén quixera facer unha tese acelerada de Galicia o seu sitio sería Pontevedra ao longo desta última fin de semana. O emblemático Culturgal, a gran feira da industria da cultura galega, volveu amosar que os creadores da terra non teñen límites. E que son quen de converter en arte e negocio cultural todo canto aconteceu, acontece e acontecerá no país do millón de vacas. Sirva como mostra un pendente: entre os expositores da feira había un, Deica, que ofrecía pendentes, aneis ou broches nos que aparecía debuxado o mítico somier que se usa de cancela en todo o rural galego. Isto é, a chapuza más galega do mundo convertida en auténtica xoia.

O día estaba onte tipicamente galego en Pontevedra; ceo gris e choiva a esgalla. No recinto feiral agardaba a última xornada do Culturgal. A media mañá, emocionaba ver como, nun tempo no que o público está acostumado á cultura do todo gratis, familias enteiras mercaban entradas para atoparse co mundo de creación que había alí dentro. Dicían os expositores, iso si, que o sábado fora máis frouxo que o ano anterior. Pero algúns, como por exemplo os membros da editorial pontevedresa Kalandraka, subliñaban tamén que iso se compensou con que «os que entraron viñan con gañas de ver e mercar libros». Esta sensación tamén a compartían os da cooperativa Miudiño, que ofrecen unha mestura de servizos, entre os que están converter os patios dos colexios en lugares moito máis respectuosos co medio ambiente e onde os nenos volvan xogar con trebellos de madeira.

 A especialización dás editoriais

Culturgal, a nada que un dea un volta pola feira, sabe que non é ningún escaparate cultural. Cualificala así sería faltarlle. Porque os escaparates están quietos. E esta feira é como un bule, bule constante no que queda claro que, se o público apoia, en Galicia sobran creadores para levar a cultura a todos os eidos da nosa vida; dende o cotiá, dende ofrecernos un felpudo retranqueiro —que lle pregunta aos pés «de quen vés sendo»— á música folk pasando, por suposto, pola escrita. Impresiona ver a especialización acadada polas editoriais galegas. E como, ao lado de xigantes como Galaxia ou Xerais, que contaban con expositores deses onde se podería estar horas antes de lograr escoller o volume preferido, pelexan por asomar a cabeza no mercado editoriais pequenas, pero con ideas inmensas. Onte atopábanse selos como Canela, que aposta pola tradición oral e o patrimonio cultural galego e, por exemplo, ten libros como Un ano no Carballal (de Sonia María García), que fai protagonistas das súas páxinas á xente do Courel. Ou Catroventos, que aposta por libros que teñan os dereitos humanos, a ecoloxía ou o feminismo como referente. Así, na súa mesa podíase mercar un volume que lle explica aos meniños algo que todos deberían ter claro: que é unha ditadura.

A música e os servizos culturais, por suposto, tamén deixan pegada sempre no Culturgal, onde por moita programación que haxa todo parece ocorrer case de xeito espontáneo, con esa maxia que tan ven lle aquece ás cousas da cultura. Onte a media mañá, por exemplo, se un tiraba cara o final do recinto alí estaba Ugía Pedreira pandeireta en man, mentres no expositor da Xunta as gaitas soaban. Todo o bo colle no Culturgal, que pechou con esa sensación de que Galicia non ten fronteiras, que dirían as Tanxugueiras. Fora seguía chovendo mentres os pulpeiros esperaban comensais. Alguén da máis no termómetro da galeguidade?

Quique Alvarellos, presidente dos editores: «Ninguén renuncia a mercarlle un libro a un neno» 

Culturgal non é unha feira do libro, senón de toda a cultura galega. Pero ben é certo que o peso das editoriais nos expositores é importante. Quique Alvarellos é o presidente da Asociación Galega de Editores e, tamén, representa á firma Alvarellos. El sinalaba o seguinte: «Este ano hai vinte editoras na feira, é a maior cifra acadada ata o momento. Que esteamos aquí todas estas empresas, das 42 que somos en Galicia, indica que Culturgal xa é unha feira totalmente consolidade e imprescindible, un sitio onde as editoriais entenden que si ou si teñen que estar presentes».

Alvarellos, que pertence a unha editorial que ten contos pola diversidade, no que se atopan títulos como A miña profe é un monstro, propón que as primeiras lecturas dos meniños toquen paus tan importantes como os da inclusión, a igualdade e a educación emocional. El sinalaba que é o que ve cando as familias se achegan ata unha feira como o Culturgal: «Hai esperanza. De momento vemos que ninguén renuncia a mercarlle un libro a un neno. E iso é un aspecto a valorar. Se ben é verdade que as familias que chegan aquí son xa un público específico, sensibilizado coa cultura e con gañas de coñecer as novidades editoriais». 

Proxección exterior

Por outra banda, tamén é destacable a presenza das administracións no Culturgal, empezando pola Xunta, principal patrocinadora da feira. Neste senso, onte aproveitou este foro para anunciar que no 2023 vai apostar pola modernización, dixitalización e proxección exterior da cultura galega. Igualmente, as Deputacións de Pontevedra e A Coruña participaron no Culturgal.