O Museo de Pontevedra acolle unha mostra con trinta artistas galegos e portugueses

Alfredo López Penide
L. penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

Trátase dunha exposición multidisciplinar de pintura, escultura, artesanía, música, danza, fotografía...

24 ene 2022 . Actualizado ás 17:28 h.

Comisariada por Tino Lores, da Asociación de Amigos do Camiño Portugués a Santiago, onte inaugurouse no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra a exposición Camiños. O Camiño e as Artes. Trátase dunha mostra colectiva e multidisciplinar que reúne as manifestacións culturais do Camiño Portugués a Santiago a través das obras de máis de trinta artistas e creadores de Galicia e Portugal.

A asociación leva dende o 2010 de xeito practicamente ininterrompido, agás o pasado ano pola pandemia, desenvolvendo a exposición internacional Camiños «co obxecto de espallar os distintos aspectos paisaxísticos, culturais, turísticos e gastronómicos por diferentes lugares de Galicia e Portugal no Camiño Portugués a Santiago».

Ata o 21 de marzo poderase visitar unha iniciativa que, en palabras do director do Museo, José Manuel Rey, deixa patente un dos principais valores das rutas xacobeas máis alá da súa innegable dimensión espiritual: «A cohesión entre culturas, por riba das fronteiras xeográficas e políticas». «O Camiño é todo, está por riba de todos, tanto de ideoloxías, cultura, deporte ou espiritualidade», coincidiu Tino Lores.

Así, no eido da pintura luso-galaica exporanse obras de Agustín Pousseu, Álex Vázquez, Amelia Palacios, Ana Corzo, Antón Sobral, Carmen Hermo, Eduardo Dios, José María Barreiro, Kuqui Pazos, Luz Lafuente, Mario Rocha, Puri del Palacio, Xaime Falcón, Gerhard Mader ou Rafael Úbeda. A escultura correrá a cargo de Enrique Velasco Viéitez, Francisco Pazos, Paulo Neves, e Suso Balado, mentres que no apartado de artesanía haberá pezas anónimas de Barcelos (Portugal) e creacións da zoqueira Elena Ferro ou do artesá Joaquim Esteves.

A creación musical amosara iniciativas de Begoña Lorenzo, Edelmiro Luis Mateo García, Noelia Solleiro e o luthier César Loureiro Sobral, así como de Glau Fonseca no caso da danza. Dende o Museo precisaron que a escrita será outra das artes incluídas na mostra coa escritora e docente Carmen Quinteiro, a poeta e artista Minerva e o escritor Xaime Toxo.

O apartado visual contará cos fotógrafos Aquilino Valiño, Enrique Ruis e Xulio Gil, acompañados polo tamén fotógrafo e blogueiro Xoán Arco da Vella.