1986: Un primeiro premio da lotería de Nadal «baixo e gordito» e con descoido

Nieves D. Amil
Nieves D. Amil PONTEVEDRA/ LA VOZ

PONTEVEDRA

La Voz de Galicia

Pontevedra repartiu 250 millóns de pesetas en 1986 despois de que un erro dos nenos de San Ildefonso leva a equívoco aos agraciados co 03772, un número que se xogou de mala gana

21 dic 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Quen non ten hoxe un décimo da Lotería de Nadal na carteira?, quen non terá dito estes días aos seus amigos ou familiares que ten unha corazonada ou quen non estará a remover Roma con Santiago para facerse in extremis co décimo que soñou a noite anterior? É a véspera do sorteo extraordinario do gordo, ese que todos soñamos con que nos toque cada Nadal. Pero, como é de esquiva a sorte con Pontevedra? Nos últimos anos ha salpicado algún décimo illado do primeiro premio en Vigo ou Porriño, ademais dos dez boletos que se venderon no Grove dun número que aínda resoa no Salnés, o 72897, pero fai moito que a fortuna non toca á capital provincial.

A cidade do Lérez quedou orfa do premio Gordo na última edición, pero non se esquece dese número «baixo e gordito» que en 1986 deixou 250 millóns de pesetas. E non chegou sen anécdota ou descoido, como recolleron La Voz de Galicia ese 23 de decembro de hai 35 anos. O 03772 ninguén o quería por ser un número tan baixo e con tantos setes. Vendeuse de mala gana a quen desafiaron os prexuízos. Ninguén sabía que escondía o gordo. Mesmo, unha vez cantado. O «descoido» dos nenos de San Ildefonso que cantaban os números fixo que por un momento houbese dúbidas de canto tocaba. Cantaron 25 millóns para o 03772 en lugar de dicir 250 millóns.

Era o segundo erro en 25 minutos e co barullo que se xerou no patio de butacas poucos puideron decatarse na retransmisión da cantidade que dixeran. Eran tempos nos que a información carecía de inmediatez. E é que foron dous xornalistas de La Voz de Galicia e da emisora de Antena 3 quen deron a noticia á administración número 2 de Pontevedra. Nese momento, a empregada que atendía en portelo non llo cría ata que a responsable do despacho chegou para confirmar o premio. «Son números pequenos que non os quere ninguén e alégrome moito de que teña tocado un de eles», dicía a dona ese día 22 pola mañá.

Esa sorte tan esquiva durante anos con Pontevedra repartiu diñeiro entre quen o necesitaban. Leopoldo García Aguín converteuse no protagonista do día ao posar cun décimo do Gordo. Era un dos dez agraciados. Este veciño de Portonovo estaba no paro e botaba unha man no bar da familia, o Bodegón Monforte de Portonovo. Non tardou nada en chegar a Pontevedra para celebralo xunto ás loteiras e depositar o décimo na extinta Caixa de Aforros de Vigo. «Estaba limpando o bar cando oín o número pola radio, pero só puiden escoitar as tres últimas cifras, así que saín a preguntarlle a un veciño e ao principio non o cría, pero despois saltei de alegría, claro», dicía a La Voz de Galicia García Aguín.

Ese Nadal non faltaron as especulacións sobre quen foran os afortunados do número «baixo e gordito». O balbordo foi tal que nos negocios próximos onde podían estar os premiados presentáronse ben pronto representantes das entidades financiases para captar aos millonarios clientes. Pero ademais de Leopoldo García só se soubo que outro décimo pertencía a un funcionario da Deputación cuxa muller tardou media mañá en localizar (traballaba na leira de Areeiro) para contarlle que eran millonarios.

Desde 1986, Pontevedra non volveu ser agraciada cun primeiro premio. O ano pasado viaxou a Vigo, onde se venderon un par de décimos no punto mixto da Porta do Sol e na administración de Urzaiz, e O Porriño, onde a X da Sorte fixo triplete cun quinto, un cuarto e un décimo do gordo. Foron premios illados, salvo os catro millóns de euros do 72897 que repartiu no Grove A Centola dourada.

Á marxe dese gordo de 1986, a provincia tamén foi testemuña doutros primeiros premios. O máis grande repartiuse en Vigo en 1974. Hai case 50 anos caeron na cidade olívica ata 300 millóns de pesetas. A administración número 2 de Policarpo Sanz repartira catro series completas do 12176, a maioría deles entre os hostaleiros que compraban o marisco no Berbés. O bar Compostelán, situado en Traviesas , repartira un bo tanto dese gordo. «Trinta quilos de centolas foron despachados polo persoal en tres minutos», recolle La Voz de Galicia dese 22 de decembro de 1974 (o sorteo era un día antes que agora).

Fai oito anos O Rosal celebrou outro belisco do primeiro premio. Salvo esas tres Nadal (1974, 1986 e 2020), non houbo gordos tan repartidos na provincia, pero si premios moi soados, como un segundo co que foron agraciados os veciños do poboado do Vao, que celebraron nunha comida só de homes.