Weronika Hanczyc, ilustradora: «Emilia Pardo Bazán é unha figura bastante controvertida»

PONTEVEDRA

CEDIDA

Formada no Garaxe Hermético de Pontevedra, a artista polaca ilustra o cómic sobre a autora de «Os Pazos de Ulloa»

28 novs 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Formada no O Garaxe Hermético, Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración de Pontevedra, Weronika Hanczyc, natural de Polonia , é a ilustradora do cómic Emilia Pardo Bazán (Cascaborra Edicións).

—Como xurdiu este cómic?

—A idea xurdiu da guionista, Alicia Palmer, que está a investigar sobre o movemento sufragista, aínda que xa antes había coñecida a súa figura e como a través dos seus escritos loitaba polo voto feminino.

—Cal foi a parte máis complicada do seu traballo?

—Obviamente, a documentación. Estamos a falar dunha época na que tiven que buscar fotos para todo, para os edificios, para as vestimentas, sobre todo, das mulleres. Busquei non cometer fallos en cuestións coma se había lámpadas de electricidade ou non.

—Ao profundar na figura de Emilia Pardo Bazán, que é o que máis lle chamou a atención?

—Non son galega e ao vivir aquí de quen máis se oe é de Rosalía de Castro cando se fala de mulleres galegas escritoras. Teño que recoñecer, sinceramente, que antes de que se me propuxese este proxecto descoñecía quen era Pardo Bazán. Chamoume moitísimo a atención o moito que se implicaba no voto da muller ou que facía cousas que non facían habitualmente as mulleres daquela época, como conducir un coche, ou que cando tomaba unha decisión facíaa moi a pesar de que fose criticada no seu tempo. É unha figura bastante controvertida. Ten bastantes claroscuros.

—Que supuxo o seu paso polo Garaxe Hermético?

—A verdade, moitísimo. Non só polos consellos que che dan. Todos chegamos sabendo, máis ou menos, debuxar e gústache o mundo do cómic, pero, a parte de que melloras, aumentas os teus coñecementos. Este proxecto empeceino a desenvolver porque se puxeron en contacto comigo pola recomendación dun profesor.

—Que outros proxectos ten?

—Coa mesma editorial e a mesma guionista, nun futuro temos pensado facer un cómic sobre a expedición Balmis, a da vacina das vexigas. De feito, está xa anunciado na páxina de Cascaborra Edicións. E eu estou a realizar un pequeno proxecto persoal que empezara cando estaba no Garaxe que se chama A espera e que vai sobre os equipos de rescate en alta montaña no meu país, en Polonia , a principios do século XX. Un tema moi específico, como podes ver.