Vacunódromo en Campolongo

PONTEVEDRA

O incremento de contagios require reforzar a inoculación de dose de reforzo, persuadir aos negacionistas e, probablemente, recuperar algunhas restricións

27 novs 2021 . Actualizado ás 19:19 h.

A sexta onda parece unha evidencia en Galicia. Os datos son contundentes. Máis de 2.250 contaxiados de coronavirus na nosa comunidade autónoma ata onte. As infeccións veñen incrementando, a un ritmo vertixinoso, en apenas vinte días. Na cidade de Pontevedra, xa tiñamos 71 casos activos. Na área sanitaria sumabamos case douscentos. Hoxe volverán subir.

Por suposto que urxe dicir que comparados con outras comunidades do Estado, ou con países próximos da Unión Europea, estamos infinitamente mellor. Os exemplos de Alemaña, Países Baixos ou Austria —que mañá volve confinar á súa poboación— están moi afastados da situación nosa.

Outro indicador positivo é que, afortunadamente, non hai unha repercusión do incremento de contagios en máis hospitalizacións. Na nosa área sanitaria tan só había ata onte sábado, catro persoas internadas en planta e ninguén en uci no Complexo Hospitalario de Pontevedra (Chop). Xa que logo, a inmensa maioría dos novos contaxiados deveñan en illamentos domiciliarios e cadros asintomáticos.

Pero non cabe marxe de relaxación. Os mecanismos de resposta xa están en marcha: intensificar a inmunización co retorno dos vacunódromos e reactivar restricións, con esixencia do pasaporte Covid.

Persuasión

Resulta inquietante que a pandemia volva avanzar pese á altísima porcentaxe de vacinados. Con case un 95 % da poboación diana inmunizada na área de Pontevedra, segundo o dato que deu o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen tamén nos aclarou que a orixe dos novos infectados procede das franxas de poboación que aínda non están vacinados. Ben por negarse, ben porque aínda non foi a súa quenda. Os primeiros, os negacionistas son unhas 16.400 persoas, na área Pontevedra-Salnés, segundo a información achegada polo conselleiro. Persuadirlles para que se vacinen é fundamental.

Xunto con ese labor pedagóxico, resulta máis necesario ca nunca acentuar a vacinación nos segmentos de idade máis vulnerables e acelerar prazos para dar cobertura á infancia, pois brotes como o acaecido no Colexio álvarez Limeses da nosa capital, corroboran que urxe protexer aos menores de 12 anos. A ANPA deste centro pide, razoablemente, un cribado xeneralizado a todo o alumnado e, xa veremos se, finalmente, a Consellería de Educación non ordena o peche temporal do cole como medida preventiva.

Opción céntrica

A Xunta de Galicia tivo que desdicirse da súa anterior decisión de clausurar os grandes centros de vacinación masiva. Foi entón cando os concellos como Pontevedra e Vilagarcía recuperaron a programación de certames e eventos, tanto para o Recinto Feiral do Lérez como en Fexdega. O volantazo subseguinte da Xunta ao que obrigou este novo xiro da pandemia, forzou a buscar emprazamentos alternativos.

No caso de Pontevedra, resultou un tanto complicado. Daba a sensación de que por momentos faltou sintonía entre Administracións. Finalmente, a elección, polo Sergas, da sala de exposicións do edificio administrativo da Xunta en Campolongo, desestimando outros emprazamentos ofrecidos polo Concello e a Deputación, permitiu resolver a papeleta. Non me pareceu casual a visita que García Comesaña fixo o venres ao novo espazo de vacinación de Pontevedra.

O novo vacunódromo conta con dez postos de inoculación atendidos por persoal de enfermería e un par de administrativos que se encargan do papelorio. A profesionalidade acreditada dos sanitarios garante, como antes ocorreu no Recinto Feiral, que o transo discorra do modo máis levadío.

Ademais, resulta ser unha opción céntrica. Pódese ir camiñando e está ben comunicado para acudir en vehículo, aínda que adoeza do espazo de aparcadoiro gratuíto que ofrecía o Recinto Feiral. As Administracións públicas achegan certas solucións. Como a provisión de reserva dunhas cincuenta prazas para aparcar (por 15 minutos) en catro cales próximas, habilitada polo Concello. E a oferta do Sergas que dispón unha hora gratis de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida que poderán utilizar o aparcadoiro subterráneo de Campolongo. Son parches tendo en conta que a previsión é que cada día acudan entre 1.700 e 2.000 persoas a vacinarse. E xa veremos cantas semanas máis se manterá operativo este vacunódromo.

Pasaporte Covid

A outra ferramenta que a Xunta se expón é estender a esixencia do certificado de vacinación para acceder a espazos pechados. Como desde hai semanas requírese para entrar en discotecas, pubs e demais lecer nocturno. De momento, xa conseguiu o aval do Tribunal Superior de Xustiza para esixilo a visitantes e acompañantes que pretendan acceder aos hospitais, tanto públicos como privados, de Galicia.

O conselleiro de Sanidade anunciou que convocará aos representantes da hostalería. Apunta a que, se continúa a actual espiral de contagios, establézase a obrigatoriedade de que os establecementos demanden aos seus clientes que exhiban xustificante de estar vacinados para acceder e consumir no interior dos locais. É unha garantía para todos e polo menos non prexudica como a redución de capacidades e horarios.