Combarro aborda a relación da muller co mar

Alfredo López Penide
L. Penide POIO / LA VOZ

PONTEVEDRA

JUAN SILVA

03 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O proxecto museístico que dende a Asocición Armadiña se pretende implantar en Combarro baixo a denominación de Mus.Co deu este luns uns dos seus primeiros pasos ao arrancar a Semana do Museo de Combarro coa inauguración no Fogar Armadiña, a sede social desta asociación veciñal, da exposición A muller e o mar. Trátase dunha mostra coa que se «pretende amosar a realidade coa que conviviu a muller galega entre os séculos XVIII e XX». A exposición pódese visitar ata o vindeiro sábado entre as 11 e ás 13 horas, e das 17 ás 20 horas.

Esta iniciativa, na que colaboran a Concellaría de Cultura do Concello de Poio, a Deputación de Pontevedra, o Museo ANFACO da Industria Conserveira, o GALP Ría de Pontevedra e as Salgadeiras de Moreiras de O Grove, completarase con outras actividades. Así, a partires das oito desta tarde, representantes da asociación Armadiña presentarán o proxecto Mus.Co a veciñanza de Combarro, de tal xeito que os interesados poidan coñecer de primeira mán a proposta e evitar malentendidos.

De igual xeito, entre o xoves e o sábado desenvolveranse visitas guiadas teatralizadas polos distintos espazos desta vila de Poio da man do Teatro Infantil Armadiña, mentres que o venres está programada unha visita nocturna aos petróglifos do Xuviño guiada polo arqueólogo Marcos Padín. Dende a asociación Armadiña destacaron que, debido a gran acollida de estas actividades, decidiuse aumentar a tres os grupos da visita nocturna. Pero a demanda foi de tal entidade que este mesmo luns confirmaron que xa non quedan prazas dispoñibles nin para unha nin para outra actividade.

Xogos tradicionais

A Semana do Museo de Combarro finalizará o sábado, a partires das 20.30 horas, coa sesión Xogando Miudiño, na praza de Chousa, un espazo pensado para que os máis pequenos poidan gozar de xogos tradicionais.