A terceira reinvención de Sandra

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VIGO / LA VOZ

PONTEVEDRA

MONICA IRAGO

Agora no Vilarousa, é un das culpables do bum da ximnasia rítmica na comarca do Salnés

26 jul 2021 . Actualizado ás 11:31 h.

A Sandra Estrada (Xixón, 48 anos), a explosión da pandemia pillouna en Exipto. Alí estaba a exercer de xuíza nun preolímpico de ximnasia rítmica. Alí, da alegría vivida unhas semanas pola oportunidade que lle xurdiu, pasou á preocupación de ter que vivir toda unha odisea para volver a casa, cunha viaxe que practicamente durou dous días. Esa faceta de xuíz é só una das de Sandra no deporte que ama, onde xa foi, e, é, de todo.

O idilio de Sandra coa ximnasia comezou de casualidade. «Pisaba mal, metía os pés cara a dentro, e os médicos recomendáronlle aos meus pais que me apuntasen a ballet ou a ximnasia», lembra. E a elixida foi a ximnasia si, pero a artística, ata que polas súas condicións alguén decidiu que era mellor que se dedicase á rítmica. Foille mellor que ben e chegou a participar en campionatos de España, algo que, afirma, non era doado, porque no sector clasificatorio tiñan que verllas o coas galegas, «que eran moi boas», di. Era aquela xeración de Marta Bobo, aquela ourensá que chegou a ser olímpica. Unha lesión, e as esixencias dos estudos, comezaron a ensinarlle o camiño da retirada, pero non abandonou o tapiz. Con 17 anos sacou o seu primeiro título como adestradora. «Pasei de adestrar catro ou cinco horas diarias a dúas ou tres días á semana», apunta. Coa vantaxe, ademais, da axuda económica que lle supuña para os seus estudos universitarios. Chegaron logo os títulos de segundo e terceiro nivel aprobados en Madrid e a primeira gran aventura, a creación do club ximnástico Versalles, de Avilés.

Todo parecía tranquilo ata que un insular se cruzou na súa vida. «A decisión era que el viñese a Asturias ou que eu me fose a Galicia e pensamos que era moito máis doado que eu me levase a ximnasia para aí». Meu dito meu feito. Axiña que como se correu a voz da súa chegada comezou a soar o teléfono. O club Treboada, de Pontevedra, foi o seu primeiro destino, pero o segundo fito na carreira de Sandra foi sementar a semente da ximnasia rítmica no Salnés. Primeiro, na Illa. «Para nenas só había baloncesto ou piragüismo, e toda unha xeración delas probaron a ximnasia». E chegaron os éxitos, con participacións en campionatos de España incluídos. E logo, algún desencontro que derivou en que Sandra decidise deixar o club, «centrarme en puntuar como xuíza e atender algunha escola», apunta.

A experiencia habíaa deixado moi queimada e non había intención de nada máis que de matar a espiral. Chegou ao Liceo, de Vilagarcía, onde adestraban no salón de actos do Casino. E logo, no pavillón do colexio da Lomba, sobre un chan de formigón e nunhas condicións moi precarias. «Inscribímonos nuns xogos escolares un pouco por facer o chiste, para que visen como era unha competición e no primeiro torneo ao que fomos quedamos primeiras», lembra. Os resultados acompañaron desde o principio e chegou o momento da terceira reinvención de Sandra: dar ao luz ao Vilarousa.

A experiencia é un grao e agora tómase as cousas con máis calma. Non hai obsesión polos campionatos de España, «se se clasifican non llo vou a quitar, pero non as vou a levar de excursión. Estamos moi preto de conseguilo», di. O certo é que pecharon a tempada con catro ascensos e que o teléfono volve soar con asiduidade porque o xerme da ximnasia rítmica instalouse non só en Vilagarcía, senón en toda a comarca. Pero non hai sitio para moitas máis. A actividade deportiva en Vilagarcía supera, con moito, á capacidade das instalacións e a ximnasia rítmica atópase, ademais, coas súas propias características. «En calquera pavillón hai un par de canastras, pero non hai tapiz, e adestrar ximnasia rítmica sen tapiz é como adestrar baloncesto sen canastras», explica. «Imos resistindo. Falamos co Concello e se que queren pór da súa parte. A ver como podemos afrontalo», conclúe.