Pablo Castro: «Parece que é máis probable coñecer o amor da túa vida nunha aplicación que no instituto»

PONTEVEDRA

CEDIDA

Sostén que «detrás das pantallas nos desinhibimos e podemos dar grandes mostras de amor ou de odio»

19 abr 2021 . Actualizado ás 11:34 h.

A pesar do que puidese parecer e da súa crítica, o pontevedrés Pablo Castro, autor de Desactualizado, deixa claro que «non renego dos avances. Debemos aprender a vivir coa tecnoloxía, pero hai que saír do piloto automático e cuestionarnos para que nos é útil». Polo momento, o ensaio pódese adquirir a través de Amazon.

-Como xorde a idea de escribir este libro?

-O libro nace da necesidade de mellorar a nosa relación coas novas tecnoloxías. Acadamos un punto de inflexión onde no canto de facilitar o noso día a día, pódennolo chegar a complicar debido á adicción que xeran os móbiles, a sobreexposición á que a xente se somete nas redes sociais, a superficialidade á hora de procesar a información, a inmediatez e a frecuencia da mensaxe que debilita a palabra e as relacións, ademais dos novos modos de relacionarnos que se xeraron e o doado e inmediato acceso á pornografía que devalúa o contacto real entre humanos.

-Cando falamos dos problemas que xeran as novas tecnoloxías, estamos só ante a punta do iceberg?

-Depende de quen fale deses problemas. A nivel xeral, hai fenómenos que son evidentes, como a adicción ás redes ou ao móbil, e iso si podería ser a punta do iceberg. De feito, é unha conversación que a xente ten de forma habitual. No libro profundo no obvio e sinalo o que aínda non se ve, ou que si se ve, pero que aínda non se relacionou coa tecnoloxía.

-As novas tecnoloxías que promoven unha suposta hiperconexión non conducen, en realidade, a unha hiperdesconexión social?

-Si. Quizais, agora esteamos en contacto con máis xente, pero de forma menos profunda. Detrás das pantallas nos desinhibimos e podemos ser capaces de dar grandes mostras de amor ou de odio, que logo en persoa non dariamos. A forma de coñecer persoas tamén cambiou. Parece que é máis probable coñecer ao amor da túa vida nunha aplicación que no instituto, na biblioteca ou no pobo. Con todo, antes con menos posibilidades de elección, os matrimonios duraban máis. Isto tamén ten que ver cos valores da sociedade, pero a banalización do sexo e das relacións é innegable.

-«Desactualizado, o título, a que fai referencia?

-Ao noso cerebro nesta época. Un exemplo claro é o que nos ocorre coa alimentación. Estamos optimizados para fixarnos e devorar aqueles alimentos que sexan máis calóricos porque fai non tanto, evolutivamente falando, non sabiamos cando iamos volver a comer. Priorizabamos ese tipo de comidas. Hoxe seguimos conservando ese patrón. Resúltanos máis apetecible unha napolitana de chocolate que unha laranxa e non ten sentido porque non temos desabastecemento de ningún tipo. Na poboación xeral, sobran calorías e faltan micronutrientes, pero seguirán escollendo a napolitana porque no noso cerebro desata unha resposta maior. O noso cerebro vive enganado polas trampas da tecnoloxía. Preferimos un simulador de facer exercicio que facer exercicio ou a pornografía ao sexo en parella. Non é normal sentirse atraído por uns píxeles por moito que o que vexamos sexa unha muller. Isto, de feito, axuda tamén a que vivamos máis distanciados uns doutros, a xente ten a necesidade sexual cuberta e non lle apetece baixar á rúa a coñecer a ninguén.