Deputación de Pontevedra e Universidade de Santiago reivindican o papel das mulleres da diáspora

l. p. PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

01 abr 2021 . Actualizado ás 09:01 h.

O convenio subscrito pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Santiago de Compostela permitirá desenvolver o proxecto, enmarcado na Cátedra Iberoamericana da USC, Pontevedra en América: unha mirada en feminino. Esta iniciativa busca «reivindicar o papel das mulleres galegas da emigración e a pegada que deixaron na diáspora».

Desde a Administración provincial apuntaron que, a través deste convenio, levará cabo este proxecto que comprende desde a edición de publicacións ata a realización dunha exposición, así como un proceso de mentoring. E todo co obxectivo de «poñer en valor ás mulleres na emigración investigando e recompilando as historias dun nutrido grupo de mulleres da provincia de diferentes eidos cunha dobre mirada: o seu éxito nas Américas e o das que agardaron en Galicia».

No seo da Deputación teñen claro que moitas destas mulleres «foron ignoradas, esquecidas e invisibilizadas» cando, con todo, «desenvolveron un importante papel na emigración, especialmente en América».

«Non se pode entender a nosa comunidade sen a emigración e todo o que supuxo», remarcou a presidenta Carmela Silva, á vez que lembrou que «nesta provincia aínda hai moitísimas dotacións e equipamentos que foron posibles grazas ás achegas desas persoas que tiveron que emigrar».

O recto Antonio López, pola súa banda, recoñeceu que estas mujres «se invisibilizaron e non foron obxecto de estudo e agora é o momento de facelo».