Desarticulado un punto de venda de drogas preto dun colexio de Caldas

Alfredo López Penide
López Penide CALDAS / LA VOZ

PONTEVEDRA

GARDA CIVIL

Os dous detidos por tráfico de estupefacientes quedaron en liberdade con cargos tras comparecer ante a xuíza de instrución

12 feb 2021 . Actualizado ás 12:41 h.

No marco da operación Jarangun, a Garda Civil considerou desmantelado un importante punto de venda de drogas nas proximidades dun centro escolar de Caldas de Reis. A investigación arrincou o pasado agosto ao ter noticias de que desde unha vivenda se podería estar trapicheando con drogas, á vez que se destacou a importante colaboración da Policía Local deste municipio e a cooperación cidadá..

Desde a Comandancia de Pontevedra apuntaron que «as sospeitas se despexaron cando se puido comprobar que un domicilio era frecuentemente visitado por consumidores de sustancias psicotrópicas, co consecuente incremento da inseguridade». Así mesmo, constatouse un incremento da alarma social entre pais, alumnado e persoal docente do centro educativo.

A desarticulación deste punto de venda implicou o arresto de dous homes de 52 e 28 anos como presuntos autores dun delito contra a saúde pública, por tráfico de drogas. 

Coa preceptiva autorización xudicial, ademais, procedeuse a realizar unha entrada e rexistro en  este domicilio, onde se procedeu á intervención de medio quilo de haxix e unha cantidade similar de marihuana. Tamén se comisaron 11.500 euros en efectivo, dúas básculas de precisión, útiles para o envasado e almacenaxe da droga, tres teléfonos móbiles, dous computadores portátiles, unha escopeta de repetición simulada, un fusil de asalto de airsoft e unha pistola de aire comprimido.

Os detidos, xunto cos efectos intervidos, foron postos a disposición do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Caldas de Reis, cuxa titular decretou a súa posta en liberdade coa obrigación de comparecer cando sexan requiridos.