Garantindo a seguridade do transporte escolar

Alfredo López Penide
L. Penide POIO / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

01 dic 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A Policía Local de Poio é un dos corpos municipais da comarca que se sumou á nova campaña da DXT de vixilancia e control do transporte escolar. O obxectivo, verificar que tantos autobuses como condutores cumpren coa normativa establecida, que inclúe, entre outras obrigacións, a necesidade de que os menores vaian acompañados por unha persoa debidamente cualificada.

Desde a Delegación do Goberno destacaron que esta campaña é de «unha especial transcendencia en Galicia debido á gran extensión de rutas de transporte escolar existentes», o que explica que se vaian intensificar os controis como este luns ocorreu nas inmediacións do colexio Isidora Riestra e do IES Fontenla pola Policía Local de Poio.

As inspeccións levadas a cabo son de carácter administrativo, pero tamén de seguridade viaria. Deste xeito, e no caso das primeiras, comprobáronse as autorizacións e documentos destes vehículos para a correcta prestación do servizo, ademais de que se verificou que tivesen a ITV ao día ou que dispuñan dos seguros, pero tamén cotejaron os permisos de condución e os tempos de descanso dos choferes.

Elementos de seguridade

Paralelamente, os axentes municipais, do mesmo xeito que os seus homólogos da Garda Civil de Tráfico, detivéronse a revisar as condicións técnicas e elementos de seguridade dos autobuses, caso de cintos, pneumáticos e outros elementos de seguridade, así como a antigüidade.